Os usuarios do Servizo Municipal de Axuda a Domicilio gozan dunha xornada lúdica en Samil
O alcalde asistiu este xoves ao desenvolvemento da xornada lúdica organizada en Samil polo Concello para as persoas usuarias do Servizo Municipal de Axuda a Domicilio. Destacou que a atención alcanza a máis de 1.300 persoas ao ano, das que o 80 por cento son mulleres.
Abel Caballero presenciou hoxe as actividades de lecer organizadas en Samil polo Concello para proporcionar unha xornada de encontro, nun ambiente de sociabilidade e entretemento, ás persoas que reciben a atención dos profesionais do Servizo Municipal de Axuda a Domicilio. “Trátase de vernos, de atoparnos, de estar en Samil coas persoas que reciben o apoio municipal, fundamentalmente mulleres, para celebrar conxuntamente un día da atención que se lles dá desde o Servizo de Axuda a Domicilio”, explicou o rexedor.
O Concello de Vigo realizou en 2023 máis de 600.000 horas de atención, segundo lembrou o alcalde ao poñer en valor o apoio prestado a máis de 1.300 persoas dependentes, das que o 80 por cento son mulleres.
O alcalde apuntou a prestación dun apoio municipal que conta cun equipo de 564 traballadoras. “Este é o servizo de atención en domicilio que presta o Concello de Vigo, millóns de euros moi ben empregados en atender, fundamentalmente a mulleres dependentes, cunha gran calidade na atención”, afirmou.