Abel Caballero: “Obtivemos o mellor dato turístico da historia da cidade nun mes de maio”
O rexedor informou das cifras publicadas polo INE, que outorga a Vigo 46.532 viaxeiros totais durante o mes de maio, “un aumento sobre o ano pasado dun 17,4%”.
O Instituto Nacional de Estadística publicou os datos de turismo no seu informe mensual do mes de maio, nos que a nosa cidade conta cun incremento de viaxeiros do 17,4% con respecto as cifras de 2023.
O número de viaxeiros totais en Vigo durante o mes de maio foi de 46.532, cifra da que os viaxeiros nacionais forman un 52,04% do total e os estranxeiros o 47,96%. Caballero indicou que nos nacionais “practicamente mantívose a cifra”, pero os viaxeiros estranxeiros “aumentaron dunha forma case imposible de concibir”, xa que se elevou un 48,86% con respecto a maio de 2023.
No apartado de pernoctas, as cifras totais na cidade foron de 81.169, subindo un 11,54% sobre o mes de maio do ano pasado, sendo a mellor cifra para este mes dende que hai rexistros. Destaca tamén o incremento das pernoctas estranxeiras, cun 32,48% con respecto ao ano pasado.