Abel Caballero reaxusta competencias no goberno local “para ser máis eficaces na atención á cidade”
O alcalde asinou hoxe o decreto que nomea a Ana María Mejías como quinta tenente de Alcaldía e fixa o reaxuste das competencias dos membros do goberno municipal de Vigo. Esta decisión responde ás novas responsabilidades asumidas como parlamentarios galegos polos edís Elena Espinosa e Carlos López Font.
“Convén facer un reaxuste para ser o máis eficaces posibles na atención á cidade”, explicou hoxe o alcalde ao detallar os cambios no Goberno municipal tras a elección dos edís Elena Espinosa e Carlos López Font como parlamentarios galegos.
Na nova estrutura, a edil Ana María Mejías Sacaluga é nomeada quinta tenente de alcalde con responsabilidades en Emprego, Patrimonio, Participación Cidadá, Tecnoloxía e Relacións coas Empresas. Caballero incidiu en que entre as súas novas competencias tamén figura atender ao correcto mantemento do Vigo Vertical. Na súa área de Goberno estará situada Participación Cidadá e Distritos, da que é responsable o edil Pablo Estévez, que ata o de agora estaba na área de Ángel Rivas.
A concelleira e deputada Elena Espinosa segue como terceira tenente de alcalde mantendo as responsabilidades en Fondos Europeos, por ser unha “gran interlocutora co Goberno de España”, Medioambiente, Educación e Normalización Lingüística. As concelleiras Nuria Rodríguez e Olga Alonso contarán, respectivamente, coa delegación de Medioambiente e de Educación. Alonso asume tamén de Normalización Lingüística, xa que ésta ata o de agora dependía da primeira tenente de alcalde.
A última concelleira incorporada ao equipo de Goberno, Patricia Iglesias, asume as delegacións de Atención Cidadá, con responsabilidade no Rexistro, Arquivo, Estatística, Información, 010 e atención directa á cidadanía en Limpeza e Ciclo da auga. Estará adscrita á área dos edís de Seguridade, Contratación, Festas e Xestión Municipal, así como de Fomento.
María del Carmen Lago mantén as concellerías de Turismo e Xuventude, que se unifican nunha única área, pasando a estar adscritas ambas as á área de goberno de Yolanda Aguiar Castro, que inclúe Política Social e Turismo.
Manel Fernández, ata o de agora na área de Elena Espinosa, mantense como responsable de Deportes e incorpórase a Fomento e Servizos. “Imos estar nun momento dun moi forte investimento en deportes e, por tanto, convén que a concellería de Deportes estea directamente na área de Fomento que é a encargada dos investimentos”.
Carlos López Font mantense como voceiro do Goberno e do grupo parlamentario.