"Curiosidades Solita" acolle oito concertos en xullo e agosto en Alcabre
O programa cultural e musical “Curiosidades Solita” arrincará o vindeiro venres 5 de xullo en Villa Solita, Alcabre, segundo anunciou este venres o alcalde ao debullar os oito concertos programados ata o 23 de agosto a partir das nove da noite.
Pop-Rock, jazz, metal, punk, funky, pop e poemas convertidos en cancións poboarán durante os meses de xullo e agosto o escenario de “Curiosidades Solita”.
O primeiro dos oito concertos co que se retoma en Alcabre o proxecto cultural “Curiosidades Solita” será protagonizado pola cantante Marta Mera, o pianista Martín Rigz, o contrabaixo Juan Alonso e con Juan Guerrero á batería. Ofrecerán un concerto de jazz que permitirá facer un percorrido pola historia deste estilo de música, segundo avanzou hoxe o alcalde.
O 12 de xullo está programada “Crúas”, a proposta de Alba e Iria que poñen música ás palabras de poetas galegos.
Para o 19 de xullo está prevista a actuación da solista galega MJ Pérez, que suma 150 concertos cun repertorio que abarca desde o pop-rock ata a música portuguesa.
O 26 de xullo estará en Alcabre “Dúbida”, o proxecto de Dania, Bruno,Xoán, Michu e Guiti, co que interpretan jazz, funky ou rock.
A banda “Tenue” actuará o día 2 de agosto. A súa música mestura hardcore, punk, rock, crust ou metal “con traballos de factura salvaxe”.
Para o 9 de agosto está programado o concerto de “Ars Longa”, con Teresa paz e Aland López, interpretando panxoliñas tons e danzas dos arquivos de América dos séculos XVI e XVII.
O dúo “Bratz Antifa”, con Lucía Amado e Mariña González, ofrecerán as súas experimentacións con sons.
Os músicos vigueses de “Other Game” pecharán, o 23 de agosto, a oferta cun concerto de versións de rock e heavy de todos os tempos.