Vigo reclama a administración galega aumentar as axudas para atender aos servizos de verán nos 56 areais da cidade
Aumentar a partida da axuda que a consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes concede ao concello para os servizos de praia, así como dotar ao parque natural das Illas Cíes dun servizo médico de atención fora do horario de salvamento que presta o concello. Son as dúas peticións dirixidas este luns á administración galega polos corporativos do PSdeG-PSOE e do BNG, que votaron a favor da moción presentada polo grupo municipal socialista, para demandar melloras na “paupérrima” subvención asignada a Vigo para atender ás súas 56 praias.
A concelleira de Medio Ambiente, Nuria Rodríguez, explicou hoxe que o Concello atende ás necesidades dos 11,20 quilómetros das 56 praias do termo municipal con recursos maioritariamente propios,xa que a Xunta facilita unha “paupérrima” subvención. Neste contexto, os edís do PSdeG-PSOE e do BNG, aprobaron a moción presentada polo grupo municipal socialista coa que instan á Xunta a expresar o seu compromiso real cos areais de Vigo aumentando de forma proporcional a axuda concedida á cidade.
Nuria Rodríguez incidiu en que o Concello destina en 2024 un total de 658.744 euros aos servizos de socorrismo, salvamento, asistencia sanitaria de primeiros auxilios, así como de seguridade e accesibilidade para persoas con mobilidade reducida. Fronte a esta cantidades, a Xunta facilita 40.000 euros, indicou.