A Comisión de Igualdade da FEMP realiza en Vigo a súa primeira reunión itinerante da lexislatura
O Pazo de Castrelos acolleu esta mañá a reunión na que a primeira tenente de alcalde, Carmela Silva, combinou o seu papel de anfitrioa co de vicepresidenta da Comisión de igualdade da Femp, un organismo que lidera Mariola Vargas, alcaldesa de Collado Villalba. No encontro destacouse a transcendencia de que esta entidade loite pola Igualdade dado que representa a todos os municipios españois
A Comisión de Igualdade da Federación de Municipios e Provincias realizou na mañá de hoxe a súa primeira reunión itinerante, tendo como sede o Pazo de Castrelos da nosa cidade. O encontro realizouse cun formato híbrido, con representantes de xeito presencial e un importante número de asistentes en formato telemático.
A anfitrioa e vicepresidenta da Comisión, Carmela Silva, subliñou o papel “fundamental”, de que “as mulleres ocupemos o territorio”, con reunións da importancia como a de hoxe, polo que agradeceu a Vargas “o seu talante” e a “decisión de realizala en Vigo”. Neste conclave, como fixo fincapé a tenente de alcalde olívica, tratáronse “todas as actividades que a FEMP realiza para promover a igualdade”, como “a aprobación, no día de hoxe, de convenios con asociacións para a súa promoción no corto, medio e longo prazo”. Silva, rematou sinalando que “a Federación Española de Municipios e Provincias é unha institución fundamental para que a igualdade chegue a todas partes, xa que representa a todos os municipios españois”.
Pola súa banda, Mariola Vargas agradeceu a Carmela Silva o convite a Vigo, destacando o enclave “único e espectacular”, sinalando que se trata dun lugar “acolledor”, no que un “se sinte querido”. Tamén quixo destacar a presidenta da Comisión, que na reunión “chegamos a todos os acordos posibles, sendo as mulleres exemplo de alcanzar todo o proposto, traspasando barreiras ideolóxicas”.