O goberno municipal dedica 86.000 euros á reparación da cuberta do pavillón de Bouzas
A Xunta de Goberno Local aprobou a licitación desta obra así como o proxecto de substitución da tubaxe de abastecemento de auga da Avenida de Samil e o proxecto básico e de execución da reforma das dependencias da Policía Local.
Tal e como informou o alcalde, este venres quedou aprobada en Xunta de Goberno Local a licitación da obra de reparación estrutural da cuberta do pavillón polideportivo de Bouzas que ten un orzamento de 86.000 euros.
“Imos deixalo en perfectas condicións para o seu uso”, sinalou, cunha previsión estimada de execución das obras de 8 meses para renovar a estrutura de formigón prefabricado, que cubre as pistas polideportivas, para sanear a estrutura metálica de aceiro laminado, para reparar e para impermeabilizar o canlón de recollida de auga da cuberta.
Abastecemento Samil
Tamén recibiu luz verde o proxecto de substitución da tubaxe de abastecemento de fibrocemento da Avenida de Samil; “é o Vigo que herdamos e seguímolo cambiando”, censurou o rexedor, que explicou que a obra ten un orzamento de licitación de 170.000 euros cun prazo de execución previsto de 5 meses. Son máis de 500 metros de lonxitude de tubaxe de abastecemento que discorre pola Avenida de Samil para substituír a actual de fibrocemento por unha nova de fundición dúctil.
“Sanearemos toda a Avenida de Samil” renovando todo o tramo que comprende desde o inicio da Avenida de Samil ata enlazar coas obras que xa se están executando de recuperación do sistema dunar no areal.
Instalacións Policía Local
A Xunta de Goberno Local aprobou este venres o proxecto básico e de execución de reforma das dependencias da Policía Local cun importe de licitación de 138.685 euros para que poidan traballar “coa maior dignidade posible”, apuntou Abel Caballero.
A superficie total afectada polas obras é de case 500 metros cadrados correspondentes á zona de terraza do primeiro piso, á planta baixa da zona de xardineira, á zona de rampla e á zona de aparcamento así como a superficie interior das oficinas.
As actuacións supoñerán a reparación da cuberta transitable, a revisión da instalación eléctrica na zona afectada pola entrada de auga, ademais da iluminación; o acondicionamento do interior das oficinas coa reposición do falso teito e a instalación de luces led, a rampla de acceso a planta soto -1, o acondicionamento do interior das oficinas coa reposición do falso teito e pintados, unha nova cuberta metálica na zona de aparcamento da policía e o saneado, limpeza e tratamento do forxado e dos piares afectados por humidades no vestiario de planta soto.
O alcalde reiterou a súa oferta á Xunta de Galicia para comprar o edificio da Gota de Leche coa finalidade de situar alí as instalacións da Policía Local, unha petición que xa realizara anteriormente e que agora volverá a “propoñerlle a Rueda na próxima reunión”.