A Noite Branca dos museos celebrarase o 26 de xullo con actividades ata as 02,00h
O Concello organizará 17 actividades culturais con motivo da Noite Branca dos museos que se celebrará o venres 26 de xullo. Estas accións foron escollidas dentro dunha convocatoria pública á que se presentaron 75 propostas.
O goberno local organizará o venres 26 de xullo a Noite Branca, unha xornada singular que permite gozar dos museos entre as 20,00 e as 02,00 h. Por primeira vez, o Concello fixo unha convocatoria pública para seleccionar as mellores actividades e espectáculos garantindo unha oferta educativa, cultural e lúdica, atractiva e de interese para toda a cidadanía.
Tal e como explicou o rexedor, elixíronse 17 das 75 propostas recibidas, unha selección que permite crear unha programación diversificada e de calidade con diversas disciplinas que abarcan a todo tipo de público (infantil, familiar e adulto). As actividades escollidas inclúen visitas guiadas, arqueoloxía experimental, obradoiros creativos, contacontos, teatro, maxia ou música, entre outros.
As accións desenvolveranse nos seguintes espazos municipais: Museo Quiñones de León, Pinacoteca, Casa das Artes e Verbum.