Escoitar

O alcalde destaca a construción dunha cidade distinta baseada no diálogo permanente coa cidadanía

Abel Caballero realizou esta mañá o balance do primeiro ano do mandato 2023-2027 no que, segundo explicou, o goberno municipal consolidou o modelo de xestión que permite seguir avanzando cara a unha cidade “distinta”. Así o explicou Caballero ao presentar as iniciativas desenvolvidas no último ano que inciden na calidade de vida da cidadanía co desenvolvemento de infraestruturas de accesibilidade, humanizacións en toda a cidade ou accións en abastecemento e saneamento da auga que consolidan a Vigo como a cidade máis limpa de España. Moitas destas actuacións son financiadas con fondos europeos, celebrou o rexedor.

mércores, 19 xuñ 2024

Abel Caballero iniciou o repaso á xestión do primeiro ano do quinto mandato como alcalde coas melloras executadas pola área de Fomento, especialmente no estadio municipal de Balaídos e a nova bancada de Marcador: “é unha xoia deportiva e arquitectónica”, incidiu.

O alcalde afirmou que está satisfeito coa resposta da Deputación que cofinanciará as obras da nova grada, seguindo o exemplo de Carmela Silva á fronte do organismo provincial.  Destacou tamén a inauguración do ascensor HALO, as humanizacións de Romil e de Tercio de Afora, as obras da Avenida de Castelao e a rúa Aragón, “unha rúa historicamente esquecida porque en toda a democracia ninguén se acordou dela e agora está totalmente humanizada”.

Entre as iniciativas desenvolvidas tamén salientou a cobertura do Tranvía da rúa Castelao; a cubricións dos laterais da parada de bus da Praza de América e de Javier Sensat. Acto seguido, apuntou que no colexio Frián-Teis, o Concello realizou un patio, “que tiña que facer a Xunta e que facemos desde o Concello”. A isto sumou o inicio das obras nas rúas Atlántida, Porriño, Padre Seixas, Torrecedeira, Fragoso, Coruña, Marqués de Valladares, “unha humanización que tivemos que refacer enteira”, ademais do Camiño do Cruceiro, Minguela e Clara Campoamor.

O alcalde apuntou as obras reaizadas no centro de formación da Rúa Alta, no Casco Vello; o reacondicionamiento do parque Nelson Mandela en Navia; a mellora da accesibilidade ao centro comercial Coia 4 ou espazo do parque central “onde imos facer vivenda protexida en canto o PXOM se aprobe".

Tras lembrar que o Concello realizou máis de 1.150 obras de humanizacións en toda a cidade, incidiu nas desenvolvidas este ano en zonas do rural como Babío, Camiño Lagarela, Beade, Valladares, Comesaña, Cabral, Fontaíña, Santa Mariña, Manuel Álvarez, Candeán, á vez que anunciou que haberá mais intervencións de mellora.


Vigo Vertical
"O goberno local avanza nas novas humanizacións", afirmou Caballero ao indicar que se trata das “humanizacións 5.0, cos ascensores e as ramplas mecánicas”. Destacou que se atopan moi avanzadas as obras das ramplas do centro de saúde de Lavadores, as de Escultor Gregorio Fernández, as do Colexio Ramón Nieto, as de Hispanidade, e xa están iniciadas as do Paseo de Granada.

Na súa intervención, o alcalde tamén se referiu á rexeneración da Praia de Samil, onde despois do verán o Ministerio empezará o retranqueo do muro.  Caballero apuntou que a reforma da Avenida de Madrid xa empezou a tramitarse e recalcou que “xa estamos coas humanizacións de Val Miñor, Calexón Balado, Pablo Iglesias e Teixugueiras; coas cubertas dos pavillóns de Coia e Bouzas; coa piscina de Travesas; coa iluminación da Guía e coa nova piscina de Teis.

Halo e Fondos Europeos

Caballero incidiu en que desde 2007 houbo dous grandes momentos que marcaron a Vigo: o Plan E, que permitiu empregar a miles de persoas; e agora os Fondos Europeos. “Ata o de agora gastamos ao redor de 50 millóns de euros en obras da cidade. Temos ducias de obras”, afirmou. Destacou que o Halo é unha obra que “marca a historia da cidade. É algo nunca visto", dixo. Financiouse con fondos europeos, xa rexistrou millón e medio de viaxes, "é unha revolución, está a cambiar a forma de entender a cidade”. Entre os fondos europeos tamén destacou os aprobados para Stellantis así como a aprobación da moi alta tensión, cruciais para o a industria do automóbil da cidade.

Saneamento e limpeza

A nova estación ETAP do Casal está a funcionar, afirmou o rexedor tras lembrar o investimento realizado de 23 millóns de euros. Respecto da limpeza, avanzou que hoxe mesmo a cidade recibiu unha nova Vasoira de platino.

Descargar todas as imaxes