Escoitar

Abel Caballero cifra a asistencia á última edición do Nadal de Vigo “por enriba dos 6 millóns” de visitantes/día

O rexedor dedicou unha parte importante da presentación da acción de goberno ao “fenómeno turístico” da cidade. Tamén falou do “éxito” de Castrelos e do destacado papel do Patrimonio e da Cultura promovido polo Concello.

mércores, 19 xuñ 2024

Abel Caballero destacou esta mañá que a cidade “volveu bater récords históricos de asistencia” ao Nadal de Vigo, cifrando a da última edición “por enriba dos 6 millóns de visitantes/día”. O rexedor salientou que o Nadal “é o fenómeno turístico máis importante dos últimos tempos”, imaxes dun acendido que segundo explicou recolleron todas as televisións do país.

O rexedor olívico afirmou que durante as fins de semana, a cidade ten unha ocupación hoteleira media superior ao 60%. “Son miles de persoas, o que nos sitúa como unha das grandes cidades turísticas de España”. Un dos principais motivos destes resultados é a acción realizada en todas as datas do ano, poñendo como exemplo a celebración da Reconquista, na que o Concello “realiza unha gran acción”. Destacou o importante papel que xoga o Concello de Vigo Film Office e o turismo de congresos.

No tocante aos concertos gratuítos de Castrelos, quixo repasar as 11 actuacións xa confirmadas do programa “Vigo en Festas 2024”:

  • Dani Fernández – 13 de xullo
  • Coral Casablanca – 20 de xullo
  • Luis Fonsi – 23 de xullo
  • Sen Senra – 25 de xullo
  • Luz Casal – 2 de agosto
  • Aitana – 3 de agosto
  • UB40 – 7 de agosto
  • Ópera Rigoletto – 9 agosto
  • Víctor Manuel - 14 de agosto
  • Xoel López + Vetusta Morla – 16 de agosto
  • Melendi - 17 de agosto

Abel Caballero adiantou que este ano “volverémolo petar”. Tamén quixo mencionar a relevancia de concertos como o de Serrat (no 2022) ou Víctor Manuel este verán, porque “son artistas que pertencen a unha xeración que marcou a forma de entender o país”. Finalmente, con respecto a Castrelos, o alcalde mostrou a súa ilusión pola inclusión da ópera, “porque é algo que nunca se escoitou alí”.

Da acción da área de Patrimonio, puxo en valor a recuperación da “muralla, o polvorín e os túneles do Castro”, unha recuperación histórica, na que “toda a atención prestada á muralla nos últimos 200 anos foi por este goberno”. Caballero sinalou que Vigo “é unha cidade con rutas de pinturas murais”, con 186 realizadas dende o ano 2015.

O alcalde tamén falou do papel que xogan as Illas Cíes na cidade, “traballando a diario no lanzamento da súa candidatura a Xeoparque Mundial da UNESCO”. Finalmente, Caballero, referiuse ao apartado cultural, para destacar o apoio que se realiza ás entidades -con subvencións por enriba do millón de euros- e a posta en marcha do novo Plan Estratéxico de Cultura, que “permitiranos mellorar todos os espazos culturais municipais e a renovación dos proxectos expositivos”.

Descargar todas as imaxes