O Concello urxe á Xunta a mellorar a atención sanitaria de verán nos centros de saúde e nos hospitais
O Concello de Vigo aprobou este luns, cos votos dos grupos municipais do PSdeG-PSOE e do BNG, senllas mocións socialistas nas que instan á Xunta a poñer en marcha mecanismos e instrumentos concretos para rebaixar os prazos de espera tanto en consultas xerais como en cirurxías, así como a cambiar a planificación de verán para evitar o peche de camas, ademais da reforzar o persoal de Atención Primaria para evitar os problemas que se suceden nos centros de saúde. Tamén insistiron en reclamar á Consellería de Sanidade que decrete a gratuidade do aparcamento do Hospital Álvaro Cunqueiro e a cesión dunha parcela ao Concello para construír un novo estacionamento. O PP votou en contra de todas as propostas.
Os concelleiros do PSdeG-PSOE e do BNG aprobaron na sesión plenaria celebrada este luns as tres mocións presentadas polo grupo socialista instando á Xunta a “buscar solucións” para os problemas que rexistran os usuarios do Sergas da área de Vigo tanto en Atención Primaria, como hospitalaria, que son especialmente graves no verán.
A terceira tenente de alcaldía, Elena Espinosa, tras reclamar ao Sergas información sobre as “listas de agarda reais” tanto para unha consulta médica como para unha cirurxía, e remarcar que esperar 347 días para acceder a unha endoscopia de otorrino non é “sensano nin razoable”, demandou á Xunta poñer en marcha un plan con instrumentos concretos para rebaixar os tempos de espera. Ademais, instou a acabar coa opacidade das listas de agarda para que os pacientes conten con información concreta do prazo de acceso para a súa atención sanitaria. “Deben deixar de xogar coa saúde dos vigueses”, afirmou.
O portavoz do BNG, Xabier Pérez Igrexas, remarcou o aumento da lista non estrutural á que son derivados os pacientes que rexeitan recibir un tratamento nun centro sanitario fóra da súa zona de residencia. Citou o informe do Defensor do Paciente sobre a transcendencia desta situación.
Planificación de verán
Elena Espinosa tamén demandou “políticas sólidas e solucións inmediatas” ao problema que xera a actual planificación do Sergas para afrontar o verán, con camas pechadas. Urxiu todos os recursos hospitalarios precisos, así como reforzar aos profesionais sanitarios, para garantir a calidade asistencial tanto nos hospitais como nos centros de saúde. Denunciou que a decisión do Sergas, que desde 2012 deixou sen cubrir 1.500 prazas de médicos residentes, incide nos problemas que padece neste momento o sistema sanitario público.
O portavoz nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, denunciou o peche de 200 camas hospitalarias, así como o aumento das listas de esperas.
Aparcamento gratuíto
Os edís socialistas e nacionalistas volveron reclamar á Xunta que aprobe a gratuidade dos aparcamentos do Hospital Álvaro Cunqueiro, seguindo o modelo do estacionamento construído polo Concello de Vigo. Ademais, piden a cesión da parcela 5 do Complexo Hospitalario para construír un novo equipamento de uso gratuíto tanto por traballadores como por usuarios. “Son moitos anos de copagamento á Sanidade”, afirmou o edil Carlos López Font insistindo en que a Xunta ten que decretar a gratuidade .