O cine, protagonista no TAC! Festival de Arquitectura Urbana
Abel Caballero acudiu esta mañá ao Colexio de Arquitectos de Vigo, onde se desenvolveron, dentro da programación do TAC!, dúas mesas redondas baixo o título “Vigo Plató de cine".
Dentro da programación elaborada polo Concello de Vigo para o TAC! Festival de Arquitectura Urbana, no día de hoxe realizáronse dúas mesas redondas sobre "Vigo plató de cine". O rexedor sinalou na súa intervención que “Vigo foi un lugar de movementos de vangarda e co TAC! queremos facer un gran desenvolvemento e unha gran mobilización”.
A primeira mesa denominouse “Rodar en Vigo: Unha cidade repleta de posibilidades e talento”, e nela abordáronse as vantaxes que ofrece a cidade para rodar. Nesta mesa participou o popular actor Antonio Durán “Morris”, xunto ao arquitecto Nacho Hortas, a localizadora María López Viéitez e o director do CIFP Audiovisual de Vigo, Miguel Anxo Fernández.
“A sostibilidade no sector audiovisual: unha verdadeira aposta polo green shooting”, foi o lema da segunda mesa, centrada na presentación do primeiro informe sobre sostibilidade do sector audiovisual que se fixo en España, expoñendo diferentes casos prácticos para saber como se aplica. Os participantes foron: Juan Manuel Guimeráns (Secretario General Spain Film Commission), Mar Varela (xerente do Clúster Audiovisual de Galicia), Alfonso López (Portocabo) e Ana de Aspe (La Tribu Verde).
O alcalde tamén avanzou que esta tarde, “se o tempo o permite”, realizaranse actividades infantís e accións teatrais na contorna da batea da Porta do Sol. Finalizou exclamando que “estamos realizando unha gran acción cultural”.