Escoitar

O Concello aumenta os fondos do Museo de Castrelos coa compra de cadros e obxectos da familia Quiñones de León

Os fondos do Museo de Castrelos veranse incrementados este ano coa incorporación dos cadros e obxectos propiedade da segunda esposa de Fernando Quiñones de León, Antonia Bañuelos-Thorndike, que foron adquiridos o pasado sábado polo Concello nunha poxa celebrada en San Juan de Luz.

luns, 17 xuñ 2024

Abel Caballero destacou este luns a adquisición por parte do Concello dun importante número de obras de arte e obxectos propiedade da familia Quiñones de León, que foron comprados na poxa “Antonia Bañuelos-Thorndrike, últimos recordos íntimos”, celebrada o sábado 15 de xuño en Biarritz.

O alcalde avanzou que todas as pezas, “que formarán parte do patrimonio cultural de Vigo”, chegarán á cidade o próximo mes de xullo e que, tras ser restauradas, serán expostas en 2025 con motivo do centenario da doazón a Vigo do Pazo, dos xardíns, e o parque, por parte da familia Quiñones de León.

O rexedor explicou que entre as pezas que xa son propiedade municipal atópanse obras de Antonia Bañuelos, así como cadros da Escola Española, un tapete e un tapiz co escudo de armas da familia, ademais de condecoracións, uniformes, un armario platero e outro de licores, así como libros e pezas de enxoval. “Unha colección que mostra como era a cultura naquel momento no Pazo de Castrelos”, apuntou.

Caballero incidiu en que todas as obras de arte e os obxectos de interese para a cidade que estaban na vivenda da familia do Marqués de Alcedo en Biarritz, no sur de Francia, “xa son da cidade”.

Descargar todas as imaxes