Oito mostras “de altísimo nivel”, seleccionadas para a Casa das Artes e a Casa Galega da Cultura
O Concello vén de resolver a convocatoria pública de proxectos expositivos 2024-2025 que poderán verse na Rede de Museos municipais de Vigo á que concorreron 55 propostas, acadando unha “alta participación e calidade”.
O alcalde deu conta da resolución da convocatoria destacando a “alta participación e a calidade” das 55 propostas presentadas, “de altísimo nivel”, proporcionando no seu conxunto unha suxestiva e actualizada panorámica da arte contemporánea.
A comisión de valoración seleccionou 8 proxectos para atender as necesidades de programación do segundo semestre do ano 2024 e para o ano 2025 na Casa Galega da Cultura, onde “imos apoiar o talento creativo de artistas novos, emerxentes de ata 35 anos, que procedan ou residan en Galicia”; e na Casa das Artes, onde o goberno municipal exhibe o “conxunto da obra de autores consolidados e de alto prestixio”.
A comisión de valoración seleccionou para o segundo semestre de 2024 a mostra Todos os refuxios, proposta por Sandra Muñiz, que poderá verse na Casa das Artes e, para a Casa Galega da Cultura, resultou seleccionada Un bosque de malas herbas de Antía Iglesias Fernández.
A selección de proxectos expositivos para o ano 2025 na Casa das Artes é a que segue:
▪ Francisco Torrón Durán (1934-2020). Entre el paisaje, el bodegón y el retrato, presentado por Pablo Torrón Pelluz.
▪ No fui. Sobre el ser y el estar de una mujer artista, un proxecto de Pilar Pérez Fernández.
▪ Pulsos e solastalxias (do monte galego) de Rosa María Fernández Caamaño.
A selección de exposicións para o ano 2024 na Casa Galega da Cultura é a seguinte:
▪ El estandarte de los vencidos de Telmo Meana Blanco.
▪ Esconder la perla, mostrar un hombro, presentado por María del Mar Ramón Soriano.
▪ Umbrales acuosos da ría de Vigo, de Carlos Fernández López.
A Comisión de Valoración trasladou que o nivel das obras presentadas a esta convocatoria foi “extraordinariamente alto” e, polo tanto, esta acción permitirá ao Concello reforzar a conexión entre o sector creativo e cultural e a sociedade e alcanzar unha programación expositiva diversificada e de calidade na Casa das Artes e na Casa Galega da Cultura.