O Concello mellora o acceso á praia do Baluarte
O alcalde informou este mércores das obras que se están acometendo nos areais da cidade para a súa posta a punto ante o comezo da temporada de verán.
No caso da praia do Baluarte, situada entre O Vao e Fontaíña, o goberno municipal está acondicionando un novo acceso, logo da retirada do antigo que se atopaba en mal estado, “moi deteriorado polos temporais”, que se sucederon ao longo do inverno e, nos vindeiros días, quedará instalado o novo firme de madeira “para poder acceder á praia nas mellores condicións”.
Segundo explicou Abel Caballero, o Concello está a traballar na posta a punto das praias para este verán e acometendo a rehabilitación do paseo de madeira da praia do Vao, dado que “o inverno foi duro e quedou deteriorado pero estará listo” para a nova temporada que está a piques de comezar.
O rexedor lembrou que “Vigo é a cidade de España con máis bandeiras azuis”, cun total de 12, “todas as que solicitamos” e temos cinco sendeiros azuis que suman 41 quilómetros ao carón do ría ou na senda verde, recuperados para gozar da natureza.