Escoitar

Vetusta Morla e Xoel López, dobre actuación en Castrelos o 16 de agosto

Abel Caballero desvelou hoxe unha nova cita da programación de concertos de verán, que xuntará ao cantautor galego e a banda de indie rock, “que celebrará en Vigo a súa última actuación con gran aforo”.

mércores, 29 mai 2024

O venres 16 de agosto, o auditorio natural de Castrelos albergará o concerto de Vetusta Morla e Xoel López, “unha dobre actuación destes grandes artistas”, destacou o rexedor.

O artista galego, Xoel López, é un dos músicos máis solventes e representativos da escena independente iberoamericana. Caballero alagou que conta cunha longa traxectoria musical, “na que leva máis de 20 anos sobre os escenarios”, cun potente directo e chegando a un público multixeracional.

Xoel López produciu 16 álbums, na que cada disco é un exercicio de liberdade creativa. No seu último disco "Caldo Espírito", inclúe desde cancións de cantautor puro ata sons máis rockeiros. Na XVI edición dos Premios da Música Independente alzouse co premio a Mellor Álbum Pop por Caldo Espírito. Tamén o rexedor vigués quixo sinalar que “estivo nomeado nos 38º Premios Goya, na categoría de Mellor Canción Orixinal por Eco, composta para a película `Amigos ata a morte’.

Por outro lado, Vetusta Morla é un dos grupos españois “máis notables da historia” do indie rock e pop rock, contou o alcalde. Destaca polo seu poderoso directo, no que logra unha gran comunión co publico, facendo que os seus concertos sexan auténticos acontecementos.

O seu sexto álbum, "Cable a Tierra" (2021), ocupou o primeiro lugar na lista de vendas no noso país, logrando posteriormente o Disco de Ouro e recibindo 3 nomeamentos na 23ª edición dos Grammy Latinos.

Esta semana lanzarán o seu novo álbum, "Figurantes", do que soarán algúns temas no concerto de Castrelos, combinando cos seus himnos clásicos. “Vetusta Morla conta con 1,1 millóns de oíntes mensuais en Spotify”, quixo destacar o alcalde.

Finalmente Abel Caballero desvelou que a actuación na nosa cidade “será a última de Vetusta Morla nun evento de gran aforo”, xa que o pasado mes de abril, a banda anunciou un “receso” no seu traballo, polo tanto un concerto especial para a banda madrileña.

Esta dobre actuación é a décima confirmación para o Vigo en Festas 2024:

  • Dani Fernández – 13 de xullo
  • Coral Casablanca – 20 de xullo
  • Luis Fonsi – 23 de xullo
  • Sen Senra – 25 de xullo
  • Luz Casal – 2 de agosto
  • UB40 – 7 de agosto
  • Ópera Rigoletto – 9 agosto
  • Víctor Manuel - 14 de agosto
  • Xoel López + Vetusta Morla – 16 de agosto
  • Melendi - 17 de agosto
Descargar todas as imaxes