“Conexions Vigo 2024” da Fundación Mayeusis leva a música a espazos naturais da cidade
O alcalde presentou este luns o ciclo musical que inclúe case 40 concertos de jazz, folk e música clásica en 15 emprazamentos da cidade. A rolda de prensa contou coa música en directo de Ernesto Campos (guitarra) e Leni Pérez (voz e percusión).
Na presentación participaron o concelleiro de Cultura, Gorka Gómez; Felipe Estévez, presidente da Fundación Mayeusis e estivo presente tamén Lucas Alonso, director do Conservatorio Mayeusis.
Para o alcalde, “Conexions Vigo 2024” supón unha “forma de amosar a cultura da cidade, transversal, omnicomprensiva que abarca todo”. O goberno municipal achega 70.000 euros para o desenvolvemento da programación, un apoio que agradeceu Felipe Estévez porqwue implica “poñer as outras luces de Vigo, as que locen noutras épocas de ano cun programa traballado en colaboración coa área de Cultura que supón abrazar Vigo e chegar á xente con músicos de aquí e de gran calidade”.
Así, o obxectivo do ciclo é achegar a música a novos públicos, a todas as zonas da cidade, ás contornas naturais e poñer en valor os espazos patrimoniais.
Ao longo do mes de xuño celebraránse case 40 concertos con proposta folk, clásica e jazz en quince zonas diferentes da cidade: Pazo Quiñones de León, Baluarte do Diamante do monte do Castro, Villa Solita, Alameda Bouzas, Capela da Guía, Ronda de don Bosco, Praza de Compostela, Praia Alcabre, Rosalía De Castro (Miragaia), Praia Samil, Mercado Calvario, Praza da Pedra, Paseo de Bouzas, Praza Emigrante e no Atrio do Sagrado Corazón de Jesús.
Ernesto Campos e Leni Pérez interpretaron na rolda de prensa dúas das pezas que poderán escoitarse en Conexions Folk, entre elas, o tema “Fillos da choiva e do mar”.