Urbanismo actuará de xeito “urxente” no edificio de Beiramar 127 sobre o que “non existían expedientes previos”
A tenente de alcalde e edil de Urbanismo e Vivenda, María José Caride, informou que o Concello actuará “de xeito inmediato e urxente” no edificio de Beiramar 127 onde un bombeiro perdeu a vida este sábado nun acto de servizo. O inmoble non tiña expedientes previos por incidencias ou problemas.
O goberno de Vigo procederá á execución subsidiaria para a retirada de elementos con risco de desprendemento no edificio de Beiramar 127 onde o bombeiro Sergio Sanlés perdeu a vida nun acto de servizo este sábado 25 de maio.
María José Caride informou que mañá mesmo o goberno local levará adiante a retirada dos elementos con perigo de desprendemento e a retirada de escombros, para evitar o risco nas edificacións lindeiras e ás persoas que transiten pola zona. O Concello notificará aos xulgados esta acción e trasladaralle aos propietarios as medidas que deben acometer de agora en adiante.
A tenente de alcalde e concelleira de Urbanismo e Vivenda, que trasladou as súas condolencias á familia e o seu cariño ao Corpo de Bombeiros e forzas de seguridade de Vigo, explicou que o inmoble “non tiña ningún expediente aberto con aviso de incidencia ou problema”.