Escoitar

Caballero aplaude a volta do Cidade de Vigo de atletismo, este venres, "con toda a forza que merece"

O alcalde deu o pistoletazo de saída á cuadraxésima edición do Gran Premio Cidade de Vigo de atletismo en pista, que se disputará o Días das Letras Galegas (17 de maio, 17:30 horas) nas pistas de Balaídos con cinco probas, tres masculinas e dúas femininas, de carácter internacional.

martes, 14 mai 2024
O alcalde, David Posada e Uxía Paz durante a presentación
O alcalde, David Posada e Uxía Paz durante a presentación

O rexedor valorou a recuperación do histórico evento, nacido en 1957, lembrou a figura de Alfonso Posada, o seu impulsor, e felicitouse pola disposición da Federación Galega de Atletismo, a través do seu delegado en Vigo, David Posada, para organizar unha competición que patrocina o Concello. “Queremos seguir mantendo aquel pulo de Alfonso, que nos anos 50 lanzou este gran proxecto”, concluíu o xefe do goberno local.

“Fai cinco anos que non se organiza, pero agora que hai unha presenza nova desde a federación e unha vocación de levar adiante estas cuestións, retomamos a competición”, afirmou Caballero. O Concello patrocina o campionato, do mesmo xeito que as Series Municipais en pista, que este ano tamén organizará a FGA.

Caballero anunciou a presenza duns 300 atletas, “unha moi boa participación”, e o delegado federativo tamén explicou que ademais das probas internacionais haberá un amplo programa de probas nacionais e probas de base. O interese polo evento foi tal que “rexeitamos peticións”, avanzou Posada, polas limitacións que conleva un programa en pista con oito rúas.

O alcalde dixo esperar que Uxía Paz, unha gran atleta de lonxitude, gañe na súa disciplina. “Iso espero, alá vou”, dixo a viguesa, xeración do 2000 e saída ao Atletismo Alcorcón desde as escolas de atletismo do Celta.

A Real Federación Española de Atletismo incluíu a competición no seu calendario nacional e no seu regulamento a organización deseñou un programa de probas con ata cinco distancias coa cualificación de internacionais: os 100 e os 400 metros lisos masculinos, o 800 feminino, o 1.500 masculino e o 5.000 feminino. Entre os atletas rexistrados, “representación de Portugal, Marrocos, Etiopía, Chile e Brasil; haberá atletas de tres continentes”, dixo o alcalde. Na relación figura Alice Finot (RC Celta), que competirá nos Xogos de París en 3.000 obstáculos e inscribiuse no 5.000 para buscar mínima para os Europeos de Roma, en xuño. Caballero animou ao representante federativo, "participante na promoción do atletismo de xeito continuado", que aposte por este Gran Premio “con toda a dinámica e forza” que a competición merece.

O alcalde, David Posada e Uxía Paz durante a presentación
Descargar todas as imaxes