O Concello preserva e difunde o patrimonio histórico e cultural a través do convenio coa Diocese de Tui-Vigo
Abel Caballero destacou este luns que o Concello mantén un convenio coa Diocese de Tui-Vigo, dotado con 200.000 euros anuais, para restaurar o patrimonio histórico e cultural da cidade e para dalo a coñecer entre a cidadanía.
O alcalde destacou hoxe o “bo funcionamento” da colaboración entre a Diocese de Tui Vigo e o Concello para conservar e restaurar os bens mobles e inmobles de titularidade eclesiástica. Remarcou que un dos obxectivos importantes do convenio tamén é o coñecemento e difusión entre a cidadanía do “importantísimo patrimonio cultural que temos”.
Caballero sinalou as accións realizadas desde o ano 2020, entre as que destacan a celebración do Cristo da Victoria, os actos de Semana Santa, a carroza do Cristo da Victoria, a rehabilitación do palco da música na Igrexa de Santa Mariña de Cabral, a instalación dunha escultura do Sagrado Corazón de Jesús na Ermida da Guía, e a rehabilitación da cuberta da igrexa de Fátima.
“Temos que manter o patrimonio cultural e arquitectónico da cidade de Vigo e este é un dos obxectivos deste concello”, recalcou o rexedor.