O alcalde convida á cidade a gozar da Feira de abril de Vigo no Berbés
O acendido das luces das casetas da Feira será este xoves, 16 de maio, a partir das 21:00 horas no Berbés, que será “a partir de agora” o emprazamento da celebración, tal e como apuntou Abel Caballero.
Na presentación do evento participaron este luns membros das dúas entidades organizadoras encabezados por Rafael Chacón, presidente da Casa de Andalucía en Vigo e Vicente González, presidente da Asociación Cultural Triana.
O rexedor felicitounos polo seu traballo a prol da celebración e convidou a toda a cidade a achegarse á Praza do Berbés para “gozar dunha feira magnífica, de música e de gastronomía”.
As actividades desenvólvense desde este xoves, 16 de maio co acendido das luces, e ata o domingo, 19 de maio no que será o seu emprazamento a partir de agora, na Praza do Berbés, tal e como adiantou Caballero.
Rafael Chacón puxo en valor o traballo da organización para facer posible unha feira que resumiu en “bulicio, alegría, olor a calamares fritos, sevillanas e rebujito”. Amais, explicou que este ano haberá dúas casetas, a da Casa de Andalucía e a da Asociación Cultural Triana, que estarán abertas desde as 13:00 horas do mediodía ata as 2:30 horas da mañá con música e diversas actividades no interior. O día 19 de maio haberá misa rocieira en Coia, na Igrexa do Rocío, o venres e sábado haberá comidas de confraternidade nas casetas.