A Xunta de Goberno aproba a humanización de 14 vías de dez parroquias
A Xunta de Goberno Local do Concello aprobou este venres as obras de asfaltado de 14 vías de 10 parroquias de Vigo. As melloras supoñerán un investimento de 1.144.890 euros.

Abel Caballero anunciou hoxe o acordo do goberno local de renovar a capa de rodadura viaria de estradas situadas nas parroquias de Matamá, Beade, Valladares, Comesaña, Coruxo, Sárdoma, Cabral, Lavadores, Sampaio e Candeán. Trátase dun total de 14 estradas cuxa remodelación se realizará en sete meses ás que o Concello destinará 1.144.890 euros.
O alcalde detallou que en Matamá está previsto intervir nos viais da rúa Babío e do Camiño Lagarela. En Beade actuarase na estrada da Venda. As obras de Valladares centraranse no vial Gándara. Tamén se asfaltará a rúa Muíños, de Comesaña. En Coruxo a obra levarase a cabo no camiño San Lourenzo, e en Sárdoma na senda Monde da Serra. A estas melloras súmanse as das rúas Manuel Álvarez, Fontaína, Riomao e Santa Mariña, en Cabral; ademais da rúa Subride, de Lavadores. Tamén se mellorarán os camiños de Abaixo, de Sampaio, e Devesa en Candeán.
Caballero incidiu en que o Concello humanizará un importante número de quilómetros de estradas das parroquias. Explicou que as obras mellorarán tanto toda a lonxitude dos viais como as zonas de aparcamento, e que se procederá a pintar toda a calzada repoñendo a sinalización horizontal, así como os pasos de peóns.