Escoitar

O grupo británico UB40 encherá Vigo de reggae este verán

Abel Caballero anunciou hoxe que a mítica banda inglesa se suma ao cartel do “Vigo en Festas 2023”, subindo ao escenario de Castrelos o vindeiro 7 de agosto.

xoves, 9 mai 2024

UB40 é “un dos grandes grupos da historia do reggae”, sinalou o rexedor vigués ao anunciar a súa chegada a Vigo este verán.

A banda de Birmingham, formada en 1978, celebra 45 anos de traxectoria cun concerto no auditorio natural de Castrelos o 7 de agosto. UB40 é unha das bandas máis famosas dos anos 80 e 90, con varios hits que seguen repasando nos seus concertos.

No seu repertorio “mostran un gran interese pola temática social”, como mostra o seu nome que se orixina no Unemployment Benefit, “o documento co que se solicita a axuda para os desempregados en Inglaterra”, explicou Caballero.

Un dos seus grandes éxitos é o tema Red Red Wine, que orixinalmente lanzou Neil Diamond en 1967 pero que triunfou catro décadas despois reversionado por UB40, co que conseguiron estar 40 semanas na primeira posición da lista Billboard.

Na actualidade teñen 9,2 millóns de oíntes mensuais na plataforma Spotify. Como destacou o primeiro edil vigués, “venderon 70 millóns de copias en todo o mundo”. Na súa traxectoria lograron 50 éxitos que entraron nas listas británicas, onde teñen o récord de estar máis semanas, un total de 214, durante os anos 80.

O de UB40 é o quinto concerto confirmado para este verán:

  • Dani Fernández (13 de xullo)
  • Sen Senra (25 de xullo)
  • UB40 (7 de agosto)
  • Víctor Manuel (14 de agosto)
  • Melendi (17 de agosto)
Descargar todas as imaxes