Abel Caballero insta á Xunta a pagar liñas de autobuses lanzadeiras desde Vigo ata o aeroporto de Santiago
Abel Caballero instou hoxe á Xunta de Galicia a pagar as lanzadeiras de Vigo ata o aeroporto de Santiago mentres se desenvolven as obras de mellora da pista de aterraxe do de Vigo. Afirma que as tres liñas de autobuses operativas desde hoxe foron activadas pola empresa concesionaria ante a demanda dos usuarios, pero en ningún caso polo Goberno galego.
O alcalde recalca que as tres liñas de autobuses lanzadeiras que operan desde hoxe entre Vigo e o aeroporto de Santigo non as puxo a Xunta senón a empresa concesionaria ante o negocio que xera a demanda, “cobrando o prezo que ten que cobrar e sen ningunha subvención” da administración galega. Neste contexto pregúntase a razón pola que o goberno galego asegura que pon autobuses a pesar de que se trata dunha liña que “está concedida desde hai tempo e a empresa non a poñía en funcionamento porque non había demanda para ir desde Vigo ao aeroporto en liña de autobuses. Agora haina e a empresa pona en funcionamento”.
Caballero recalca que fronte ao investimento de preto de 30 millóns do Goberno estatal para mellorar o aeródromo de Vigo, a Xunta “non coopera en nada facilitando o desprazamento desde Vigo a Santiago” porque para a administración galega “Vigo non é Galicia”.
O rexedor incide en que se a situación se rexistrara noutro aeroporto, “a Xunta estaría a poñer lanzadeiras pagadas por eles, pero como é en Vigo, e Vigo para a Xunta non é Galicia, non poñen nada, de nada, de nada”.