Abel Caballero: “Coa exposición de Bar Boo e Jenaro de la Fuente louvamos a arquitectura de Vigo”
A rúa do Príncipe acolle dende esta mañá a exposición das obras máis salientables de ambos arquitectos, reflectida en 12 paneis instalados fronte o Museo MARCO. “É a exposición de dous grandes mestres da arquitectura” exclamou o rexedor.

O alcalde de Vigo, acompañado da cuarta tenente de alcalde e edil de Urbanismo, María José Caride, acudiu á inauguración da exposición organizada pola Delegación de Vigo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, coa colaboración do ente municipal.
En 2022 cumpriuse o centenario da morte de Jenaro de la Fuente e do nacemento de Bar Boo. Ambos arquitectos abranguen un período histórico na cidade de Vigo, que vai desde finais do século XIX ata finais do XX, caracterizado por un forte crecemento e pola evolución do Vigo do ensanche ata a gran cidade metropolitana actual.
Co obxecto de conmemorar ambas figuras, esta exposición “mostra o Vigo que queremos, o que nos gusta”, cunha obra que “marcou a arquitectura da cidade” e que “compite coa arquitectura das máis importantes cidades de España”. Finalmente, o alcalde fixo fincapé en que “durante moito tempo adoecemos de non por en valor a calidade do que temos, iso acabouse, agora expoñémolo” e “convido a cidade a observalo”.




