O MARCO celebra o Día dos Museos con talleres de robótica e educación artística
O alcalde avanzou as actividades que organiza o museo a vindeira semana como parte da programación para conmemorar o Día Mundial dos Museos o 18 de maio.
O MARCO prepara diferentes actividades para público diverso co fin de celebrar a efeméride do vindeiro 18 de maio, Día Mundial dos Museos. As dúas primeiras propostas son de balde pero precisan de inscrición previa ao teren límite de prazas.
O Xoves 16 a Marcoteca e o Espazo Anexo do museo acollerán “Escola de mestras”, unha xornada sobre recursos e materiais para educación infantil relacionados coa arte contemporánea. Estará conducida por Ash Santos, artista vigués e autor dalgún dos murais do programa Vigo, cidade de cor. Tal e como avanzou o rexedor, a actividade ten omo obxectivo “ir formando a pais e educadores” e desenvólvese de 17:30 a 20:30 horas cunha charla, unha proposta editorial e un taller sobre recursos educativos para escolares entre 3 e 8 anos. Está destinado a profesorado de Infantil e primeiros cursos de Primaria, estudantes de FP, Belas Artes, maxisterio e persoas interesadas na educación artística. A xornada é gratuíta e necesita inscrición previa.
O sábado 18 de maio, o Marco organiza “Lumes no anexo”, un taller de robótica educativa en familia, entre as 11:30 e as 21 horas con exhibición/competición de robots, faladoiros sobre proxectos punteiros en novas tecnoloxías aplicadas ou sobre a Intelixencia Artificial ética e responsable. O obradoiro conducido por profesionais do ámbito da robótica educativa, robótica aplicada ou da Intelixencia Artificial e está pensado para público familiar. É de balde pero con prazas limitadas para as que é preciso facer reserva previa.