O Pleno dá conta da liquidación do Orzamento de 2023
A concelleiro de Facenda explicou que cada vigués recibe de media 1.020 euros anuais dos Orzamentos municipais de 2023: “os cartos públicos dedícanse a mellorar as condicións da cidadanía”.
Jaime Aneiros deu conta na sesión plenaria deste luns da aprobación da liquidación do Orzamento de 2023 que “cumpre con tódolos requisitos para que a xestión sexa cualificada de sobresaínte polos órganos de control externo” como a AIREF ou o Consello de Contas. As contas municipais de Vigo teñen tódolos indicadores positivos: aforro neto, existencia de remanentes de tesourería, cumprimento das regras de gasto e de estabilidade...
Segundo expuxo Jaime Aneiros en 2023, o Concello de Vigo tivo un orzamento definitivo de 402 millóns de euros cun grao de execución do 73,7 por cento, incorporándose remanentes dos gastos comprometidos por importe de 45 millóns de euros, polo que a execución acadará practicamente o 100%. Os investimentos acadaron os 75,7 millóns de euros e realizáronse pagamentos por un valor superior a 296 millóns de euros nun período medio de pago de 7 días. Así, destaca, “cada cidadán recibe en servizos públicos e investimentos, de media, 1.020 euros dos Orzamentos do Concello de Vigo en 2023. A balanza é favorable á cidadanía, os cartos públicos dedícanse a mellorar as condicións da cidadanía e ningunha administración achega tantos recursos directamente nunha situación de débeda cero”. Engadiu tamén que “os galegos temos unha débeda per cápita de 4.671 euros xerada pola Xunta de Galicia”.
O voceiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, criticou a falta de investimentos en emprego ou cultura e o abandono das parroquias, con case 112 millóns de euros sen executar. Luisa Sánchez, concelleira popular, pediu ao goberno municipal que “execute correctamente o orzamento” logo de censurar que quedasen 115 millóns de euros sen executar do Orzamento de 2023.
Sobre a inexecución orzamentaria, o edil de Facenda apuntou que a AIREF vén de criticar que a metade dos fondos europeos recibidos pola Xunta de Galicia están sen executar, especialmente nas partidas de Benestar, e lembrou o investimento de Vigo polo que cada cidadán recibe de media 1.020 euros do orzamento anual, co que conseguimos “manter servizos públicos de calidade e transformar a cidade atendendo ás familias e ás persoas”.