A Corporación urxe á Xunta a renovar as caldeiras máis antigas dos colexios públicos e instalar unhas máis eficientes
A Corporación Municipal de Vigo aprobou este luns por unanimidade a moción do grupo socialista coa que esixe á consellería de Cultura, Educación, e Universidade que realice os investimentos necesarios nos colexios públicos da cidade para substituír todas as caldeiras de maior antigüidade por unhas máis modernas e eficientes enerxeticamente coas que garantir o desenvolvemento da actividade escolar e o benestar da comunidade educativa. “É necesario un investimento xa nunhas caldeiras máis eficientes e máis sostibles que proporcionen o ambiente adecuado para o desenvolvemento das actividades educativas diarias”, reclamou a concelleira de Educación ao lembrar que 6.000 alumnos e os equipos directivos carecen de "confort térmico", pasan frío.
Os concelleiros de PSdeG-PSOE, PP e BNG do Concello de Vigo demandan á Xunta de Galicia a substitución urxente de todas as caldeiras dos colexios públicos de Vigo que contan cunha antigüidade de entre 40 e 60 anos, e que chegaron ao final da súa vida útil, por unhas de maior eficiencia enerxética.
A concelleira de Eduación, Olga Alonso, tras lembrar que as competencias en investimentos en eficiencia enerxética correspóndelle á Xunta, argumentou que o 55 por cento dos colexios públicos da cidade contan coas mesmas caldeiras de gasoil que foron instaladas na construción do centro, ao redor dos anos 60 e 80 do século pasado. Acto seguido explicou que ata no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica da Xunta de Galicia sinálase literalmente que “isto indica que foron executados baixo uns estándares de eficiencia enerxética e envolvente térmica que necesitan ser mellorados para poder aumentar o confort interno dos usuarios”.
A responsable da área de Educación asegurou que os centros escolares galegos “non funcionan cos niveis estándares adecuados” e que a administración galega segue sen contar cun plan de investimentos para proceder á renovación das caldeiras dos colexios de Vigo”. Incidiu en que o mantemento desenvolvido polo Concello permitiu alongar a vida útil duns equipamentos que chegaron ao final da vida últil”.
O edil do BNG Filipe Abalde incidiu na urxente necesidade de que a Xunta proceda a renovar unhas caldeiras que rexistran constantes problemas. “É imprescindible a substitución total, xa non valen remendos”, afirmou.