Vigo solicita á Xunta a gratuidade do aparcadoiro do Hospital Álvaro Cunqueiro
A moción socialista saíu adiante co voto en contra do Partido Popular. O voceiro, Carlos López Font, tamén instou á Xunta á cesión dunha parcela próxima ao Hospital “para que o Concello constrúa outro aparcadoiro gratuíto para traballadores e usuarios”.
O Pleno aprobou, unha vez máis, instar á Xunta de Galicia a facer gratuíto o aparcadoiro do Hospital Álvaro Cunqueiro. A moción, presentada polo Grupo Socialista, foi aprobada cos votos do PSdeG-PSOE e o BNG, mentres que o Partido Popular votou en contra.
O voceiro socialista, Carlos López Font, defendeu no debate que “ao igual que é gratuíto o aparcadoiro construído polo Concello, a Xunta de Galicia tamén faga o mesmo”. Amais, os socialistas requiriron novamente tamén ao goberno autonómico a cesión “gratuíta ou por adquisión” da parcela 5 do Complexo Hospitalario para a construción dun novo aparcadoiro municipal gratuíto para traballadores e usuarios do Hospital Álvaro Cunqueiro.
“O único alivio da situación do pago por aparcar no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo foi a construción, por parte do Concello, dun aparcadoiro de 400 prazas, e queremos facer outro. A situación actual provocada pola Xunta supón un copago na sanidade”, lamentou López Font na súa intervención.