Escoitar

O alcalde anuncia a cobranza "inmediata" das bolsas de comedor

Abel Caballero anunciou este luns que o Concello está a contar coas direccións dos colexios da cidade para entregarlles as listas dos estudantes adxudicatarios das bolsas de comedor de cada centro. “Estamos xa co final da tramitación das bolsas de comedor”, afirmou o alcalde ao lembrar que o goberno local destina máis de 2.000.00 de euros a unhas axudas que reciben máis de 3.000 escolares.

luns, 4 dec 2023
Abel Caballero con escolares de Educación Primaria
Abel Caballero con escolares de Educación Primaria

Todas as familias de Vigo que solicitaron unha bolsa de comedor e cumpre coas bases establecidas polo Concello “tena garantida”. Así se expresou este luns o alcalde ao sinalar que a administración municipal axuda a máis de 3.000 familias a afrontar o gasto do comedor escolar, xa que ao 1.300.000 euro da liña de bolsas súmanse os 600.000 euros concertados con Foampas.

Caballero, tras indicar que os directores dos colexios están a recibir as listaxes cos beneficiarios, apuntou que ata o de agora as persoas sen recursos recibiron soporte municipal a través das axudas de emerxencia, mentres moitos directores recorreron aos fondos entregados polo Concello para autogestión coa finalidade de afrontar este gasto “porque saben que o concello llo vai a reintegrar no momento da concesión formal”.

O alcalde incidiu en que nestes momentos séguense concedendo axudas de emerxencia á espera de conceder as bolsas, xa que Benestar Social “aténdeos inmediatamente”.

Caballero reafirmouse en que todos os solicitantes que cumpren as bases “teñen garantida a axuda”, e en que “non hai listas de espera”, en contraste coa situación que afrontou ao asumir a alcaldía cunha limitación de 1.000 bolsas e numerosas familias en lista de espera. “Agora hai case 4.000 bolsas e recíbeas todo o mundo que cumpre as bases”, reivindicou.

O rexedor indicou que o seu goberno está “moi orgulloso das bolsas de comedor” porque “calquera familia que necesita recursos non ten máis nada que chamar a Benestar Social e dámoslle axudas de emerxencia”.

Axudas de libros

O alcalde lembrou que ata o 24 de xaneiro permanece aberto en prazo para solicitar os 205 euros de bolsa de libros que recibirá cada estudante de Vigo que as reclamara e que cumpra coas bases da convocatoria. Caballero destacou que preto de 26.000 escolares empadroados en Vigo beneficiaranse dunhas axudas ás que o Concello dedica 5.000.000 de euros

Descargar todas as imaxes