Escoitar

Abel Caballero celebra que as finais da Copa Vigo de fútbol afeccionado se xoguen “nunha data histórica”

O alcalde anunciou as finais do 90 aniversario da Copa Vigo de fútbol afeccionado para este mércores festivo, Día da Constitución, pola mañá no Federativo de Coia.

luns, 4 dec 2023

Acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, o vicepresidente da RFGF, Fernando Iglesias, ademais dos presidentes ou representantes e xogadores e xogadoras dos catro equipos clasificados, o rexedor aplaudiu a participación que houbo no campionato (unha vintena de conxuntos) e asegurou a súa neutralidade cun “que Deus reparta sorte” entre a UD Santa Mariña e o Atlántida de Matamá, na final masculina, e o CD Valladares e o Sárdoma CF B na feminina.

Caballero lembrou “o prestixio desta copa” apuntando que na categoría masculina “comezou en 1933, é a máis antiga do fútbol afeccionado de Galicia e seguramente de España”, aplaudindo ademais que as finais teñan lugar “nunha data histórica” como o Día da Constitución. Será o terceiro ano consecutivo que a Federación Galega, organizadora da competición co patrocinio do Concello, marque esa festividade para decidir os dous equipos campións. O alcalde tamén fixo especial fincapé en que o cadro feminino cumpre xa dez anos: incorporouse no 2013.

O xefe do goberno local aproveitou a presentación para recoñecer “o estupendo traballo” dos clubs locais nunha modalidade, o fútbol, “que é máis que un deporte”. Ademais, incidiu en que co novo Plan Xeral “trataremos de seguir facendo as mellores infraestruturas deportivas”.

Os partidos decisivos vanse disputar na mañá deste mércores festivo. Ás 10:15 horas, a final feminina, na que o Sárdoma CF B defende título. Ás 12:30,m a final masculina, que busca relevo para o Rápido de Bouzas B, campión en 2022.

Os equipos campións, como é habitual, levarán un premio en metálico de 1.000 euros, fronte aos 500 euros dos subcampións.

Descargar todas as imaxes