Escoitar

O goberno local aproba os Orzamentos de 2024 cun importe de 317 millóns de euros

O alcalde deu conta da aprobación en Xunta de Goberno do Proxecto de Orzamentos 2024 que ten un importe de 316.636.310 euros, o máis alto da historia: “Temos mellores e máis inversións que nunca, débeda cero, unha presión fiscal baixa e bonificacións nas taxas. Teremos o 17 orzamento consecutivo aprobado en tempo e forma”, anunciou. Nas contas figura unha partida de 7.700.000 euros para a nova Avenida de Madrid.

martes, 7 nov 2023

Vigo terá un orzamento récord para o ano 2024. O alcalde anunciou que o goberno local vén de aprobar o documento cun importe de 316.636.310 millóns de euros, 24,5 millóns máis que no 2023 – unha suba do 8,41% -. “O orzamento máis importante que houbo nunca”, expresou o alcalde, que resumiu as contas de 2024 “como as que máis invisten, con débeda cero, cunha presión fiscal baixa e bonificacións nas taxas”. O rexedor valorou o incremento do investimento que permitirá “seguir transformando Vigo” e que contempla “máis gasto en política de benestar para que a xente viva mellor, máis deducións de impostos e un aumento moi importante no deporte, en medio ambiente... que significan calidade de vida”.

Abel Caballero explicou que 11,3 millóns do orzamento total proveñen de fondos europeos adxudicados polo do Goberno de España. “Comezamos coa Avenida de Madrid”, anunciou o rexedor, que ten orzamentados 7,7 millóns de euros para 2024. Amais, nestes fondos procedentes de Europa figuran tamén 2,7 millóns para o túnel de Lepanto e os convenios asinados co anterior goberno da Deputación de Pontevedra para humanizacións e pavimentacións, proxectos do Vigo Vertical e as vivendas de alugueiro social en Esturáns. O goberno local tamén está a desenvolver proxectos cos fondos europeos Next Generation EU, asignados polo Goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia por valor de 15 millóns de euros. Cara ao 2024, o Concello está pendente da resolución de 13.500.000 máis e os novos proxectos que se presenten ás futuras convocatorias.

O Concello proxecta rebaixas nos impostos e bonificacións fiscais por valor de 50 millóns de euros, das que se benefician por exemplo familias numerosas no IBI, os centros educativos no pago do IBI, e as empresas que facturan menos de un millón de euros no IAE. Deste xeito, o goberno local bonifica 8.781.100 euros nas taxas locais e 6.463.000 na taxa do lixo. Amais, o goberno local subvenciona 9.791.000 das instalacións deportivas, 2.374.000 nas Escolas Infantís Municipais, máis de 3.000.000 euros da taxa de terrazas na hostalería, 16.550.000 euros do transporte público, 1.000.000 da EMAO e 602.000 doutras Escolas Artísticas Municipais.

“Temos a presión fiscal máis baixa das cidades de Galicia”, declarou o rexedor, que cifrou a de Vigo en 532 euros por habitante fronte aos 568 de A Coruña, 698 de Ourense, 612 de Santiago, 546 de Lugo, 572 de Pontevedra e 801 euros de Sanxenxo. A presión fiscal media das cidades cunha poboación similar a Vigo é de 766,58 euros por habitante, 234,58 euros máis que na cidade de Vigo. A media do Estado é de 695,55 euros, 163,55 euros por habitante máis que en Vigo. “Os nosos impostos son baixos comparados cos de os demais municipios”, afirmou. O alcalde tamén puxo en valor a débeda cero que ten a cidade “o que permite destinar todos os recursos de forma directa e mellorar as condicións de vida da cidadanía sen pagar altos intereses aos bancos nestes tempos”.

Por partidas, o Orzamento 2024 adica 66.700.000 euros a Benestar Comunitario, que inclúe as áreas de Benestar Social, Educación, Deporte e Igualdade. Todas elas medran unha media do 18%. O Concello adicará 44.000.000 euros á Área de Seguridade, fundamentalmente para o servizo de Policía Local e Bombeiros. Sube o orzamento en Limpeza un 6,2%, ata acadar os 47.500.000 euros. Vías e Obras e a partida que máis sube con respecto ao 2023, un 38,19% e achégase aos 33.300.000 euros. Cultura recibe 17.000.000 euros, un 4,5% máis. Son 17.200.000 euros para Transporte, un 28% máis. Para o Medioambiente o goberno local adicará 17.400.000 euros. Urbanismo resérvase unha partida de 11.532.390 millóns de euros. Baixa o orzamento para o alumeado público, fundamentalmente pola nova iluminación LED na cidade, que xa están presente case no 40% do viarios. Para Comercio e Turismo o goberno local reserva 7.400.000 euros, un 32% máis. Emprego mantén a partida de 2023 e Sanidade sube máis dun 3%.

Descargar todas as imaxes