Vigo ultima a montaxe de 10.000 elementos luminosos e decorativos do Nadal
O alcalde achegouse este martes ao inicio da instalación da iluminación na rúa do Príncipe e avanzou que o acendido do “mellor Nadal do mundo” será arredor do 23 de novembro.
O goberno municipal desprega estes días as diferentes pezas que conforman a iluminación e decoración do Nadal que suma máis de 10.000 elementos luminosos e decorativos coa previsión de que o prendido das luces, sen data pechada, se realice ao redor do 23 de novembro.
Abel Caballero detallou que a cidade contará este ano con 11,5 millóns de luces led, distribuídas en 450 rúas, con máis de 6.000 estruturas de iluminación e 4.000 arcos e motivos así como máis de 3.000 árbores iluminadas. Sobre a gran árbore do Nadal, en referencia á comparativa con outras cidades, apuntou que a de Vigo “ten o factor da calidade, cun xogo de luces e música, cun pixelado moi fino, no que imos duplicar a intensidade e será a máis alta do planeta”.
O de Vigo é para o rexedor “o mellor Nadal do planeta; de feito o Nadal comeza cando acendamos a iluminación da cidade” e augurou que neste 2023 “teremos un Nadal marabilloso” coa previsión de recibir moitos visitantes na cidade.