Escoitar

Vigo investirá 217.000 euros en medidas para minimizar as perdas na rede de abastecemento de auga

A Xunta de Goberno do Concello de Vigo aprobou este venres a redacción do “Proxecto de implantación de actuacións para minimizar as perdas na rede de abastecemento de auga”. Contempla unha serie de accións valoradas en 217.800 euros.

venres, 3 nov 2023
Imaxe de aquivo dunha visita á potabilizadora.
Imaxe de aquivo dunha visita á potabilizadora.

Abel Caballero, tras lembrar que a rede de abastecemento de auga conta na actualidade con 1.028 quilómetros de lonxitude, explicou que o Concello desenvolve actuacións dirixidas a reducir as perdas de auga e conseguir o mellor aproveitamento dos recursos hídricos dispoñibles.  A Xunta de Goberno aprobou a redacción dun proxecto, con actuacións concretas, destinado a minimizar escapes na rede de abastecemento. Trátase doutro paso na estratexia de conseguir o maior aproveitamento da auga tras a aprobación o pasado mes de xuño do “Plan de actuacións para minimizar as perdas na rede de abastecemento”.

O alcalde explicou que o documento contempla a instalación de caudalímetros en infraestruturas da rede, como a estación de bombeo ou os depósitos. A isto súmase a xestión activa de presións na rede mediante a instalación de controladores de presión e válvulas redutoras de presión.

Os plans do Concello tamén inclúen a instalación de equipamento para a monitorización de presións na rede de distribución e melloras na sectorización da rede de abastecemento, co fin de obter un mellor control dos volumes que circulan pola rede e anticipar a detección de fugas.

Descargar todas as imaxes