O Concello dedica un extenso programa á conmemoración do Día da eliminación da violencia contra a muller
Abel Caballero presentou este venres, coa primeira tenente de alcaldía, Carmela Silva, a concelleira de Igualdade, Ana Laura Iglesias, e coa presidenta do Consello Municipal da Muller e da Rede de Mulleres Veciñais contra os malos tratos, Charo Otero, o programa organizado polo Concello desde o 8 de novembro ata o 2 de decembro con motivo do “Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as mulleres”.
O alcalde remarcou na presentación a transcendencia do “extenso e importante” programa organizado polo Concello durante todo o mes de novembro para a conmemoración do “Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as mulleres” de 2023, organizada co lema “25N, non máis violencia por ser muller”. “Este é o ano coa programación máis representativa desta acción”, asegurou.
Caballero, fronte ao negacionismo, reivindicou que a violencia machista “é a base na que se asintan todas as violencias que padecen as mulleres polo feito de ser muller” e que se exercen en todos os ámbitos, desde o fogar ata no traballo.
O programa reivindicativo arrincará o vindeiro mércores 8 pola mañá coa instalación dunha gran pancarta co lema: “25N. Non máis violencia por ser muller. Ás 16.00 horas terá lugar unha actuación musical do grupo “Caamaño e Ameixeiras, no Auditorio Municipal de Vigo. Para as 18 horas do domingo 12 está programado o espectáculo “A igualdade non ten truco”, maxia para público a partir de 6 anos.
O crononograma contempla para o martes 14, ás 20 horas: “Creación e humor con perspectiva feminista”, charla a cargo de Diana López Varela e proxección da súa curta “Feminazi”, con coloquio posterior.
O mércores 15 ás 20 horas: teatro “Iphixenia na porta do súper”.
O xoves 16 ás 20h terá lugar a proxección de “O Corno”, filme de Jaione Camborda, coa súa presenza no coloquio posterior.
O venres 17 ás 20h: a obra “Bravas”, teatro con Isabel Risco .
Para o martes 21 as 19 horas está proxectado o filme de Álvaro Gago “Matria”, con coloquio posterior co director.
O venres 24 o programa contén: EnlazaVigo contra a violencia de xénero”, coa participación do alumnado de secundaria, bacharelato e ciclos formativos de FP de Vigo
A performance “Escombro” da actriz Ana Gesto, en Príncipe, terá lugar o día 25 ás 16.00 horas. Despois, ás 20.00 horas, manifestación desde Vía Norte con Urzáiz.
O programa péchase o sábado 2 de decembro coa actuación musical de “Las Antonias”.
A programación conta con accións para reflexionar sobre a situación da violencia de xénero con poñentes de gran prestixio, referentes nacionais e internacionais. Entre estas atópanse a maxistrada de violencia de xénero Paz Filgueira; Yolanda Domínguez, experta en comunicación para a igualdade e integrante da Cátedra Unesco na educación para a xustiza social da Universidade Autónoma de Madrid o Silvia Pérez Freire, investigadora especializada en violencia de xénero da Uvigo. As xornadas celébranse no Centro Social Afundación con asistencia previa inscrición