A historia de José Gil, o precursor do cinema en galego, desembarca en Vigo
O alcalde acudiu á presentación das actividades que terán lugar este venres 27 y sábado 28 na cidade de Vigo. Vigo é o lugar central de todo o percorrido, a exitosa xira na provincia de Pontevedra arredor do precursor do cinema galego, un José Gil que desenvolveu na cidade olívica practicamente toda a súa carreira profesional como fotógrafo e cineasta.
O alcalde celebrou que Vigo sexa o escenario para a recuperación da memoria do pioneiro cineasta galego, José Gil. Caballero puxo de manifesto a importancia do cinema para a sociedade: "Nós somos unha réplica do que as pantallas amosan. Parte do noso comportamente vén do cinema. O cinema cambiou a cultura universal". Co proxecto "José Gil. Pontevedra, provincia de cine, na orixe do cinema", que desembarca o venres 27 e sábado 28 de marzo na cidade olívica, quérese reparar o esquecemento sobre a súa vida e a súa obra, dalo a coñecer á veciñanza e á comunidade educativa da cidade que o viu medrar como cineasta, e poñer en valor o legado deste grande precursor cuxa obra atopa equivalencias na doutros pioneiros do cinema nos territorios periféricos da cinematografía mundial a comezos do século XX. Esta iniciativa é un proxecto de Vía Láctea Films, en colaboración con Cine na Rúa e a Editorial Galaxia, e financiado polo anterior goberno da Deputación de Pontevedra. Vigo é a parada número 24 da xira que comezou no mes de febreiro.
Así, o venres o MARCO acollerá proxeccións para centros de ensino e visitas ao cinemóbil. Pola tarde, de 19 a 20:30 horas, haberá proxeccións de balde para o público xeral. O sábado 28 de outubro no Centro Veciñal e Cultural de Valadares, entre as 19 e 20 horas, haberá visitas guiadas ao cinemóbil. Amais, Manolo González presentará o libro "Nos días encantados de agosto", biografía de José Gil logo de 30 anos de pesquisas na vida e a obra do iniciador da arte audiovisual en Galicia, foi galardoado co prestixoso Premio Antón Losada Diéguez de Investigación e Ensaio 2023. De 20 a 21:30 horas haberá unha homenaxe da Unión Musical de Valadares a José Gil.
José Gil naceu en Rubiós (As Neves) en 1870, mais foi en Vigo onde medrou a súa paixón pola fotografía e o cine, converténdose a gran cidade do sur de Galicia no epicentro das súas operacións profesionais e familiares dende 1904 ata 1923, e posteriormente dende 1927 a 1937.
Na Galicia daquel tempo, José Gil foi o primeiro e o máis persistente traballador e artista a prol dunha arte, a do nacente cinema, non comprendida totalmente. Director, operador de cámara, fotógrafo, produtor, exhibidor de cine... E isto a pesar da súa vida tráxica, tamén de película, marcada polas enormes dificultades e desgrazas que tivo que atravesar, e tirando a pesar diso sempre cara adiante.
En Vigo estiveron as sedes das empresas fotográficas, cinematográficas e automobilísticas que Gil desenvolveu ao longo do tempo. “Fotografía y cinematografía Gil” (1910-1918); “Galicia Film” (1919-1920) e “Galicia Cinegráfica” (1921-1935), ademais da representación da empresa automobilística Ford (1914- 1920) e a “SinAir Company” (1921-1922). As devanditas marcas cinematográficas están consideradas como as primeiras produtoras da historia do cine galego.