O alcalde reclama ao Imserso unha mellora na repartición das prazas das viaxes
Abel Caballero expresa ao director xeral do Imserso a “insatisfacción” de Vigo pola repartición das viaxes de maiores entre os aeroportos de Vigo e Santiago, á vez que reclama a mellora da distribución das prazas entre os dous aeródromos
O alcalde de Vigo dirixiu este xoves unha carta ao director xeral do Imserso, Luis Alberto, Barriga Martín, para manifestarlle o seu desacordo coa repartición de prazas das viaxes establecidas de vacacións das persoas maiores entre os aeródromos de Vigo e de Santiago de Compostela, por considerar que é “manifestamente mellorable”.
O rexedor incide en que mentres o aeroporto compostelán acapara cerca do 80 por cento das prazas, Vigo conta co algo máis do 20 por cento.
Para Abel Caballero “é unha mala decisión” que Lavacolla acapare todos os voos charter. “Non entendemos que todos os vóos chárter se fagan desde Santiago”, afirmou ao recalcar que “non estamos satisfeitos” coa decisión do Imserso.
O alcalde defende que moitos destinos establecidos en Lavacolla “poderían facerse directamente desde Vigo, con vóos charter”, mentres o aeródromo de Santiago se levou esta exclusiva. Insistiu en que “algúns destinos que se cobren con vóos charter pódense facer igual desde Peinador que desde Lavacolla, sen ningún custo adicional”.
O rexedor acentúa que o Imserso “volve cometer o mesmo erro” de obrigar aos usuarios de Vigo a coller o autobús en Pontevedra para desprazarse ata Lavacolla. “Manteñen a mesma retórica de sempre, coas capitais de provincia, pero Vigo é catro veces a área de Pontevedra polo que parece razoable que o autobús saia desde Vigo, pare en Pontevedra, e se dirixa ata Santiago”, argumentou.