Escoitar

Festas especiais nos barrios de Vigo para o Samaín e o San Martiño

Vigo celebrará, os vindeiros martes 31 de outubro e mércores 1 novembro, o Samaín cun programa especialmente deseñado para distintos barrios. O Concello tamén prepara actividades para festexar a San Martiño a fin de semana do 11 e 12 de novembro, con magosto e agasallo de castañas.

mércores, 25 out 2023
Festa do Samaín
Festa do Samaín

Abel Caballero anuncio este mércores que O Calvario, Navia, así como a Praza da Independencia e a rúa Príncipe, serán escenario a próxima semana dun rosario de actividades programadas con motivo da festa do Samaín.

O alcalde explicou que durante as dúas xornadas haberá talleres, actuacións infantís, así como concertos. Os horarios das distintas actividades propostas para os nenos comezarán ás 17:30 horas da tarde e os concertos terán lugar a partir das 20:00 horas. Durante os dous días a rúa Príncipe contará con pasarúas infantís, que comezarán ás 17:30 da tarde, rematando dúas horas máis tarde na Porta do Sol.

Magosto con agasallo de castañas

O Concello organizou para a fin de semana do 11 e 12 de novembro un programa especial do magosto para celebrar a festividade de San Martiño.

Os actos concentraranse na Porta do Sol, así como na Avenida Eduardo Cabelo de Bouzas.

Na Porta do Sol, o sábado 11, repartiranse castañas de 17:00 a 20:00 horas. Ademais, entre as 17:30 e as 22:00 horas sucederanse tres concertos dunha hora de duración cada un. Para o domingo 12 prevíronse talleres e actuacións infantís de 17,00 a 20.00 horas.

Na Alameda de Bouzas os nenos poderán gozar o sábado de talleres e actuacións infantís durante toda a tarde. A partir das 20:00 horas haberá un concerto para todos os públicos. Pola súa banda, o domingo pola tarde contarán con repartición de castañas, asícomo con concertos de 17:30 a 20:00 horas.

 

Descargar todas as imaxes