O Outono Lírico 2023 programa nove actos na cidade entre outubro e novembro
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, a primeira tenente de alcaldía, Carmela Silva, e o concelleiro delegado de Cultura, Gorka Gómez, presentaron esta mañá os nove actos da programación do "Outono Lírico" 2023, organizado pola Asociación de Amigos da Ópera co apoio económico do concello.
![Abel Caballero y Carmela Silva con Daniel Diz y José Grobas](https://xornal.vigo.org/storage/images/opt/ZblANFjNZopaUl3rK83L6elvfNcWgy2PPfkUhzC8.jpeg)
Abel Caballero referendou, ante o presidente e o tesoureiro da Asociación de Amigos da Ópera, Daniel Diz e José Grobas, o apoio do seu goberno a iniciativas culturais como o “Outono Lírico” e non só cos 80.000 euros achegados en 2023 polo Concello e os 20.000 asignados pola Deputación Provincial no convenio asinado por Carmela Silva, senón con novas asignacións a fixar nos próximo exercicios. "Quero que contedes connosco", afirmou o alcalde ao agradecer a achega cultural da asociación durante os preto dos seus 65 anos de actividade.
O alcalde agradeceu a Carmela Silva o impulso dado na súa etapa de presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra para desenvolver programas como o da Asociación de Amigos da Ópera, á vez que expresou que este tipo de dotacións permanezan na nova etapa da presidencia do ente provincial. "Desexo que non interfira a política e que non enreden para que poidamos seguir facendo, libre de calquera tensión política, o Outono Lírico" .
Abel Caballero avanzou que o seu goberno aspira a "moito máis" , coa interlocución doutras administracións, incluída a do Estado, para que "cada vez teñamos a posibilidade de facer máis presenza na cidade e os vigueses gocen de programas como o da ópera".
O rexedor reivindicou a Vigo como "unha fábrica de cultura e unha forma distinta de entender todo o que ten que ver coa música porque o levamos arraigado" e que ve expresada na cita do "Outono lírico".
A nova edición do “Outono Lírico” significa, tras a pandemia, volver contar con ópera representada en Vigo, coa participación de directores e cantantes tanto internacionais como galegos.
O programa, estruturado en nove eventos, comeza o 5 de outubro con "Ópera no cinema", e finaliza o 5 de novembro con Don Pasquale de Donizeti.
O Auditorio Municipal de Vigo, o Conservatorio Superior de Música e o Teatro Afundación, son os tres escenarios elixidos para as actividades. Os amantes da ópera gozarán de concertos, así como de mesas redondas dentro do apartado "Falemos de" e do programa "Ópera no cinema". A estas súmanse as arias e romanzas de Zarzuela, dentro do concerto anual no Auditorio Martín Codax do Conservatorio Superior de Música.