O goberno municipal adxudica a humanización da rúa Teixugueiras por 2,6 millóns de euros
A Xunta de Goberno Local deu luz verde esta mañá á adxudicación da humanización da rúa Pablo Iglesias, que contará cun orzamento de 1.288.537€. Tamén se aprobou o proxecto de mellora do ascensor inclinado da rúa Juan Ramón Jiménez.
Abel Caballero informou este venres da aprobación da contratación das obras para a execución do proxecto de humanización da rúa Teixugueiras. Como sinalou o rexedor “ten un orzamento de 2.679.000 euros” e trátase dunha “obra de gran relevancia” para “unha zona arquitectonicamente marabillosa como é Navia”.
O prazo estimado de execución de 9 meses realizando a retirada do mobiliario existente na rúa (a demolición de beirarrúas e de pavimentos) e a renovación de colectores, con novas redes de saneamento e fecais, así como pluviais, canalización das redes de iluminación pública e semaforización. Amais instalarase nova pavimentación e beirarrúas con melloras para os peóns, mantendo dous carrís en cada sentido de circulación. As zonas axardinadas dotaranse con novas redes de rega, haberá nova iluminación pública e semáforos mellorando a iluminación nos pasos de peóns e instalando nova sinalización. Como elementos decorativos haberá novas esculturas e un tótem interactivo.
Humanización de Pablo Iglesias
O alcalde avanzou a aprobación do expediente de contratación da humanización da rúa Pablo Iglesias, na que se “realizará unha actuación que mellora de xeito integral na rúa”, con ampliación de beirarrúas e conservando a maior parte das prazas de aparcamento existentes.
O proxecto prevé un custo de case 1.289.000 euros e un prazo de execución de catro meses. Renovaranse as redes de saneamento, abastecemento e drenaxes así como a iluminación pública. O proxecto tamén contempla xardineiras lineais, rede de rego, novo mobiliario e sinalización.
Ascensor de Juan Ramón Jiménez
Caballero tamén informou da aprobación do proxecto de mellora do ascensor inclinado situado na rúa Juan Ramón Jiménez, entre Menéndez Pelayo e Camelias á altura do n.º 46. O importe é de 209.011,04 euros e terá un prazo de execución estimado de 5 meses. Como explicou o primeiro edil, “trátanse dunha serie de melloras para resolver todos os problemas que dificultan o arranxo de calquera avaría que poida ter”.