Escoitar

Caballero sinala o éxito da Boot Camp Race como exemplo das novas demandas de deporte extremo

O Desafío Boot Camp Race vaise celebrar o domingo 1 de outubro en Samil (10:00 horas) cunha participación de 1.200 competidores, a mellor cifra trala pandemia, segundo a inscrición oficial, aínda que xa dende o sábado haberá diversas actividades previas.

xoves, 21 set 2023

O evento, que patrocina o Concello de Vigo un ano máis, foi presentado polo alcalde, Abel Caballero, que incidiu en que a proba “vai collendo cada vez máis corpo; naceu como un evento de deporte extremo para xente especial e agora é masivo”.

Porque entre as modalidades (Elite, que se xogan puntos para o Circuíto Galego; Popular e Kids), a popular superou o milleiro de inscricións (1.069). Os competidores deberán percorrer un circuíto de 6-7 quilómetros no que terán que superar uns trinta ou trinta e cinco obstáculos de diverso tipo nun tempo límite.

O rexedor felicitou a David Suárez, o responsable de Diesemm -a organización que deseña o evento-, por contar co apoio de Gadis, unha empresa “que está sempre coa cidade”, dixo. Pablo Louro, en representación da firma, lembrou que “un 40% das colaboracións” de Gadis son co deporte.

Caballero animou á cidadanía a achegarse a Samil para seguir en directo a competición. “pola dureza que ten” e porque é “un espectáculo”. Ás 10:00 horas sairán os Elite e despois (10:45), en grupos, os e as deportistas da proba popular, para rematar cos nenos e nenas (ás 13:30 os de 4 a 7 anos e ás 13:50 os de 8 a 12).

Suárez celebrou a sensibilidade municipal coa carreira (co alcalde estiveron na presentación a concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez, a de Turismo, María Lago, e o de Deportes, Manel Fernández) e manifestou a súa ledicia polos datos da mesma: “un 42% da participación é de mulleres”) mentres que de fóra da provincia é “o 40% da inscrición”.

 


Caballero avanzou que hai uns días un grupo de rapaces e rapazas pediulle unha área de parkour e de calistenia (exercicios físicos baseados no propio corpo) na Vía Verde e o rexedor estudará a localización de dúas zonas. Cada vez temos máis solicitantes de espazos para deportes novos, extremos ou de forza”.

Descargar todas as imaxes