O goberno local dota con 5,8 millóns de euros as becas de libros para as familias da cidade
O alcalde avanzou o inicio do expediente de modificación de crédito para a concesión das axudas de 205 euros ás que poderán optar este ano ata 28.500 alumnas e alumnos de Educación Primaria, Secundaria Obrigatoria, Formación Profesional Básica e Especial.
Abel Caballero explicou que o obxectivo do goberno municipal é “dar apoio ás familias porque sabemos da carestía dos libros e do material”. As becas acadarán un importe total de 5.842.000 euros dos que poderán beneficiarse 28.500 alumnas e alumnos cunha contía de 205 euros por fillo escolarizado. “É a repetición do que fixemos a primavera pasada pero ampliándoa á Formación Profesional Básica e ás nenas e nenos que, sendo de Vigo e estando empadroados aquí, cursan estudos fóra da cidade por calquera razón, como pode ser a conciliación”, explicou o rexedor.
O goberno de Vigo inicia o expediente de modificación de crédito para a concesión de axudas a familias con fillas e fillos escolarizados en Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), Formación Profesional Básica -a partir de 15 anos- e Educación Especial.
A previsión é que o orzamento para as bolsas de libros estea dispoñible o 17 de novembro, previa provisión de crédito, a tramitación orzamentaria, a aprobación no Pleno da Corporación e a tramitación das bases do programa. Tal e como apuntou Caballero, o ano pasado o número de bolsas adxudicadas foi de 22.957 e a previsiblemente este ano serán concedidas 28.500 cunha contía de 205 euros cada unha. “Isto tería que facelo a Xunta de Galicia pero en Vigo nin está nin se lle espera”, recalcou.