Escoitar

A Orquestra Clásica ofrecerá tres concertos ata fin de ano

O alcalde reafirma o apoio do Concello á institución musical e convida á cidade a participar no programa que se desenvolverá no Auditorio Municipal e no Teatro Afundación.

martes, 19 set 2023

O alcalde de Vigo presentou esta mañá os tres concertos programados pola Orquestra Clásica para finalizar a temporada de 2023, que están patrocinados polo Concello.

O alcalde reafirmou o apoio do goberno local a esta institución musical "capaz de manter un altísimo nivel de calidade e de presenza" no ámbito cultural da cidade. Destacou que a orquestra sinfónica se mantén nun proceso continuo de renovación coa incorporación de músicos novos e convidou á cidadanía viguesa a participar nas citas musicais.

O rexedor explicou que o calendario da programación, que conta coas interpretacións dos pianistas Severino Ortíz e Abe Rábade, arrrinca o día 28 de setembro con "Ventos do Clasicismo", para continuar o 28 de octubre con "O Fío do Clasicismo" e finalizar o 28 de decembro co concerto extraordinario de Nadal.

Os directores artísticos e de programación, Manuel Martínez-Nava e Manuel Torres, explicaron que os tres concertos da nova temporada reflexionan sobre a esencia da orquestra, que conduce ao clasicismo para explorar os distintos formatos da orquestra "cunha proposta de pezas deliberadamente relacionadas entre se". Interpretarán obras de Beethoven, Haydn,F Schubert, Coleridge-Taylor, Strauss ou Gluck. Avanzaron o seu propósito de celebrar en 2024 un "gran" 40 aniversario de existencia.

O concerto do 28 de setembro comezará ás 20.00 horas da tarde no Auditorio Municipal do Concello de Vigo, e os do 28 de outubro e decembro están programados a partir das 20.30 no Teatro A Fundación.

As persoas interesadas en asistir aos tres concertos contan coa posibilidade de comprar unha única entrada cun abono de 36 euros, a través de ataquilla.com .

Descargar todas as imaxes