Escoitar

O Concello dedica 6,4 millóns de euros á mellora da eficiencia enerxética en vivendas

O Consello da Xerencia de Urbanismo deu conta da aprobación das bases e da convocatoria de subvencións para a rehabilitación de actuacións a nivel de barrio dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea Next-Generation EU.

martes, 19 set 2023
Na imaxe, a rúa dos Cesteiros no Casco Vello de Vigo
Na imaxe, a rúa dos Cesteiros no Casco Vello de Vigo

O alcalde explicou este martes que as axudas servirán para financiar obras ou actuacións para a mellora da eficiencia enerxética que supoñan, polo menos unha redución do 30% do consumo de enerxía, en edificios de uso predominantemente residencial para vivenda.

“Apoiaremos aos particulares que o precisen para a rehabilitación das súas vivendas e estaremos apoiando a estas zonas históricas da cidade”, apuntou Abel Caballero, sinalando que a Oficina de Rehabilitación do Concello será a encargada de xestionar as axudas.

O Concello dedicará 6.394.000 euros dos fondos europeos Next Generation EU a doce Contornas Residenciais de Rehabilitación Programada: Casco Vello (91 actuacións), Bouzas (84), Coia (336 actuacións), Casas de Santa Clara (36), Beiramar (40), Espiñeiro-Teis (72), San Pablo (48), San Roque (78), Fenosa (101), A Salgueira (38), Gorxal (24) e Alcalde Lavadores-Canicouva-Escolas Públicas (22 actuacións). 5,4 millóns de euros son para axudas a particulares e 252.000 euros para obras de rexeneración urbana.

Axudas de emerxencia

Abel Caballero deu conta da Comisión de Axudas de Emerxencia celebrada a pasada semana na que se concederon 112 solicitudes, por un importe de 28.422 euros.

No que vai de ano, o Concello outorgou 3.393 axudas por un importe que ascende aos 850.411 euros. Como indicou o rexedor, “alimentación e pago de alugueiros son as axudas máis solicitadas, e contan cos importes máis elevados”. Tamén destacou Caballero que “as Axudas de Emerxencia do Concello son compatibles co Ingreso Mínimo Vital”.

Na imaxe, a rúa dos Cesteiros no Casco Vello de Vigo
Descargar todas as imaxes