O goberno local oferta aos centros educativos o transporte gratuíto para o desenvolvemento do programa Vigo Educa
Abel Caballero anunciou que a partir do 21 de setembro este programa municipal seguirá promovendo nos escolares o coñecemento cultural da cidade de Vigo mediante a realización e participación activa en itinerarios e visitas didácticas, que contribúen a aumentar o sentimento de pertenza e implicación coa cidade onde vive e actúa o alumnado.
O Concello oferta a partir do 21 de setembro a posibilidade de solicitar a través do portal web específico do programa https://vigoeduca.vigo.org/, para o actual curso lectivo escolar 2023-2024 o transporte dos 835 desprazamentos escolares gratuitos no marco do programa educativo municipal de coñecemento da cidade Vigo Educa 2023-2024. Este servizo permitirá dar a coñecer a cidade fóra das aulas a 41.750 alumnos e alumnas. O importe é de 58.500 euros.
Os beneficiarios deste programa municipal é o alumnado de idade comprendida entre os 3-18 anos (educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato, ciclos formativos e educación especial) dos centros educativos do Concello sostidos con fondos públicos.
Con este programa educativo de utilización didáctica da cidade como privilexiado recurso educativo, o Concello tenta fomentar no alumnado o coñecemento didáctico-cultural de Vigo e o seu entorno, posibilitando abrir os centros escolares á súa realidade circundante e complementar o proceso de ensino-aprendizaxe saíndo das aulas a través do desenvolvemento de visitas didácticas.