Escoitar

O Concello estende o servizo de socorrismo á praia de Bouzas e suma 15 días de acceso ao baño para persoas con mobilidade reducida

A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves a modificación do contrato de vixilancia, socorrismo, salvamento, asistencia sanitaria de primeiros auxilios e seguridade e accesibilidade para o baño de persoas con mobilidade reducida en praias do Concello que ten un importe de 661.745 euros.

xoves, 27 abr 2023
O rexedor na rolda de prensa deste xoves
O rexedor na rolda de prensa deste xoves

O alcalde informou do trámite en rolda de prensa explicando que o contrato se incrementa en 28.141 euros polos novos servizos que inclúe e pola incorporación dun sistema de cadeiras “trial” que permitirá o paseo pola praia ás persoas que precisan desprazarse en cadeira de rodas. Así, o importe total do contrato para 2023 ascende a 661.745 euros.

Nestes momentos, o goberno municipal presta o servizo de socorrismo, salvamento e asistencia sanitaria en 12 praias con bandeira azul: A Punta, Bouzas (o Adro), Carril, Santa Baia, praia da Fonte (Tombo do Gato), Argazada, Samil, Fontaíña, O Vao, Canido, Fortiñón e Rodas (Illas Cíes) do 15 de xuño ao 15 de setembro e o servizo de monitorado para accesibilidade ao baño de persoas con mobilidade reducida en Samil e O Vao, nos meses de xullo e agosto.

Coa modificación do contrato, o Concello amplía o servizo de vixilancia, socorrismo, salvamento e asistencia sanitaria á praia do Adro, en Bouzas e, nas praias de Samil e O Vao, estende a accesibilidade ao baño do 1 ao 15 de setembro, en días laborables de 16 a 20 horas e as fins de semana e festivos de 11 a 14 horas e de 16 a 20 horas.

Ademais, incorpóranse en Samil e O Vao tres cadeiras trial, con rodas preparadas para a area, permitindo o paseo pola praia a persoas con mobilidade reducida.

Convenio O Marisquiño

A Xunta de Goberno Local aprobou tamén o proxecto de convenio de colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra para o desenvolvemento do festival “O Marisquiño 2023” que se celebrará do 11 ao 13 de agosto de 2023. O convenio ten un importe de 180.000 euros.

126.000 euros para dinamización infantil

Amais, quedou aprobada na Xunta de Goberno a segunda prórroga do contrato do servizo de organización, xestión e execución do programa de dinamización infantil para as ludotecas da Casa da Xuventude e do Pavillón de Coia, no que poden participar nenas e nenos de entre 4 e 12 anos co fin de favorecer a conciliación da vida familiar, laboral e persoal das familias viguesas.

 

Descargar todas as imaxes