Caballero anunciou o percorrido, “duro”, da Calvario 5+5, este domingo
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou a segunda proba do circuíto Run Run Vigo, a Calvario 5+5, que se celebra este domingo no Calvario (10:00 horas).
Caballero estivo acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, o presidente da Asociación Veciñal do Calvario, Raúl Fontán, o atleta e organizador Roberto Rey, e Daniel Bargiela, vencedor da primeira Calvario 5+5 en 2018 e padriño desta edición.
A Asociación de Veciños do Calvario organiza desde 2018 a proba pedestre, co patrocinio do Concello de Vigo. Nesta edición, a organización conta con preto de 900 atletas inscritos entre os participantes no 10K, o 5K e nas carreiras de promoción para menores, con máis de douscentos nenos e nenas.
A proba terá saída e chegada en Jenaro de la Fuente, irá dende o edificio Bandeira a Gregorio Espino, peonil do Calvario, Toledo, Cronista Espinosa, Avenida do Aeroporto (volta en rúa Cantabria), Aragón, Travesía de Vigo (volta á altura do Carrefour) e Jenaro de la Fuente. Os runners deberán dar unha volta (5K) ou dúas (10K) en función de se corren a distancia de 5.000 metros ou os 10.000, ambos os puntuables para o Run Run Vigo.
“É un percorrido duro”, subliñou o rexedor sobre a proba, que terá dous focos de atención, o primeiro na peonil do Calvario (10:00) coas carreiras de base. Nese tramo fronte ao mercado e en función do seu grupo de idade, os participantes correrán 80 metros (5 anos e menos), 700 (6 a 8 anos), 1.400 (9 a 12 anos) e 2.100 metros (13 a 15 anos).
Despois (11:15 horas), a saída do 5K e do 10K será conxunta desde Jenaro de la Fuente (fronte ao ximnasio McFit do Centro Comercial Bandeira).Dentro do calendario do circuíto municipal en roteiro, esta é a segunda carreira popular do ano tras a Subida ao Castro de xaneiro.
“O Run Run Vigo é xa unha cultura do atletismo excepcional cun nivel de participación e unhas marcas moi boas”, explicou Caballero.