“No verán un conto” ofrece 40 actividades para o público familiar este verán
O goberno municipal organiza para os meses de xullo e agosto unha nova edición deste programa que leva música, teatro, contos e xogos, entre outros, a diferentes prazas da cidade.
Abel Caballero puxo en valor o programa que se poñerá en marcha este venres, 8 de xullo, na praza da Independencia ás 20 horas do serán cun conto a cargo de Pakolas “Cores cantos”.
En rolda de prensa explicou que esta edición inclúe “case 40 actividades para público familiar: teatro, música, danza, talleres, concertos, monicreques, ilustración, contos, xincanas, xogos ou regueifas”, están incluídas na oferta de actividades do programa.
“No verán un conto” chegará nos meses de xullo e agosto a distintos espazos públicos da cidade: a Praza Independencia, a Praza da Miñoca, Navia, Calvario, Teis, Praza da Pedra e Bouzas. A información completa cos horarios e o calendario pode consultarse na páxina web municipal.
Curiosidades Solita
O rexedor informou tamén do concerto que alberga Villa Solita este venres 8 de xullo, dentro do programa “Curiosidades Solita”, co que “queremos converter esta mansión indiana recuperada nun espazo de encontro histórico-artístico, combinando o coñecemento do patrimonio da cidade e a música”.
As actividades celébranse tódolos venres desde o 1 de xullo ao 19 de agosto con concertos de grupos referenciados e noveles, novos proxectos, jazz, rock e rap con flamenco e propostas musicais de clásicos en galego e versións de grandes clásicos como Ramones, Beatles ou The Who.
Este venres, ás 21 horas, preséntase o libro “Son da cidade” de Pablo Vázquez e Denis Carballás (Galaxia), no que compilan as dúas últimas décadas de música viguesa co concerto de Nicolás Pastoriza. Ademais, a partir das 22:30 horas celébrase a actividade nocturna “De Solita á Lúa”, para observar a lúa a través do telescopio cun equipo de proxección que permitirá vela nunha pantalla.
Caballero deu conta do resto do programa de concertos: o 15 de xullo actuará Dioivo; o 22 de xullo Red Cheeks Quartet e o 29 de xullo La Cloaka Sound, acompañados de JCA, cantaor vigués de flamenco fusión. Nos tres casos, desde as 21 horas. O 5 de agosto, desde as 22 horas, unha charla do historiador e divulgador astronómico Pablo Martínez Alemparte, quen falará da historia de Villa Solita e guiará aos asistentes polo ceo nocturno estival. O 12 de agosto ás 21 horas, concerto de Lar de Lúa, e o 19 de agosto, concerto do vigués Denis Carballás.