“Vigo Saudable”: actividades ao aire libre para maiores este verán
O Concello organiza durante os meses de xullo e agosto actividades de ocio, lecer e deporte para as persoas maiores en diferentes prazas da cidade.
O rexedor informou este martes do programa “Vigo saudable”, dirixido a persoas maiores “pero tamén aos seus netos, familiares” co obxectivo de que realicen unha actividade de lecer saudable e que sirva de espazo de “encontro interxeracional de diferentes actividades”. De feito, puntualizou que o programa está aberto á poboación en xeral e non se precisa inscrición.
“Vigo Saudable” combina varias actividades: exercicios de quecemento, equilibrio, canto grupal e técnicas de relaxación, sempre adaptadas ás particularidades do grupo. Celébranse en distintas prazas da cidade: Praza San Antonio da Florida, Praza do Mercado de Teis, peonil do Calvario diante do mercado, na Praza da Independencia e na Alameda de Bouzas durante os meses de xullo e agosto, de luns a venres, entre as 10:30 e as 11:30 horas da mañá.