Os concertos de Castrelos disporán dun servizo de lanzadeira de transporte público para volver a casa
Os usuarios poden reservar online e con antelación o seu billete para o servizo de autobús de volta dos concertos de Castrelos. O prezo do billete corresponde á tarifa ordinaria de transporte (1,40€), mentres que os usuarios da PassVigo poderán beneficiarse da tarifa bonificada no momento da compra online.
O alcalde anunciou esta mañá que Vitrasa pon a disposición dos usuarios un servizo especial de lanzadeira con venda online anticipada de billete con motivo dos concertos de Castrelos. Co fin de que os cidadáns poidan planificar a súa mobilidade con antelación ó recinto e garantir a súa praza no transporte público, os billetes para o servizo de lanzadeira poden adquirirse de forma anticipada na web de Vitrasa (vitrasa.es), na web do Concello de Vigo ou na aplicación de venta online Woutick!.
O prezo do billete é o correspondente á tarifa habitual de transporte público. Aqueles usuarios que dispoñan de tarxeta PassVigo poderán introducir o seu número de tarxeta para beneficiarse da tarifa bonificada correspondente ó seu perfil no momento da compra.
A lanzadeira estará dispoñible á finalización do concerto e dará servizo as seguintes rúas: Castrelos – Camelias – Venezuela – Urzáiz – García Barbón – Sanjurjo Badía – Travesía de Vigo – Pizarro – Praza de España – Gran Vía. Para acceder á lanzadeira, os usuarios simplemente teñen que aportar o seu billete anticipado impreso ou no teléfono móbil.
Entradas Sebastián Yatra
O rexedor lembrou que a reserva de entradas para gozar da música de Sebastián Yatra desde a platea de Castrelos sairán á venda mañá 6 de xullo Serán 5.000 as localidades que se poderán adquirir para seguir un espectáculo programado ás 22,00 h do mércores 13 de xullo.
Tal e como se fixo para o concerto de Joan Manuel Serrat, simultanearase a venda online e presencial. Na páxina web municipal quedará habilitado un banner de Vigo en festas-Entradas Castrelos que, a súa vez, redirixirá a unha páxina de reservas na que se poderán adquirir un máximo de dúas entradas por persoa. Para facilitar o acceso de toda a cidadanía -independentemente do seu horario de traballo – as entradas sairán en dúas quendas: 2.000 ás 10,00 h e outras tantas ás 17,00 h. Pensando nas persoas que non teñan acceso ás novas tecnoloxías, poranse outras 1.000 entradas á venda no Auditorio Municipal (500 ás 10,00h e outras 500, ás 17,00h).
Respecto á reserva de espazo no anfiteatro de Castrelos para o concerto de Serrat previsto este domingo, as 1.000 entradas da mañá esgotáronse en 16 minutos e as da tarde, en 23. Para a primeira quenda, conectáronse telematicamente preto de 20.000 persoas para conseguir algunha das 1.000 reservas. Pola tarde, a cifra descendeu a 13.000 aspirantes. Presencialmente, pola mañá a cola superou o número de reservas, que eran 250, mentres que pola tarde, todos os presentes, conseguiron entrada.